quinta-feira, 28 de novembro de 2019

As siluetas femininas de “Tui soña” realizada polos escolares tudenses están expostas na casa do concello

A PARTIR DO LUNS PODERANSE VER NA ÁREA PANORÁMICA
A casa do concello acolle até este venres a exposición das siluetas de mulleres do proxecto “Tui soña”. Todos os centros educativos de Tui participaron nesta iniciativa da concellería de Igualdade convocada co gallo do 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.  Con este proxecto traballouse coas novas xeracións dende a educación sobre este tema.
A proposta presentada aos distintos colexios era decorar as siluetas de madeira aportadas polo Concello cunha imaxe de optimismo cara ao futuro.  Bolboretas, mans, pingas, círculos, estrelas, lúas, corazóns, flores… son algunhas das formas empregadas polo alumnado para deixar as súas mensaxes. “Mulleres felices, mundo contento. Somos un equipo!” pódese ler na das pancartas portada por dúas destas siluetas de mulleres. Agarimo, respecto, valor, bicos, igualdade, xuntos, son algunhas das palabras que as nenas e nenos tudenses colocaron nas súas creacións. Tamén frases coma “Por unha vida sen violencia”, “Se doe non é amor”,…
O pasado venres os colexios de tudense achegaron até o Concello o seu traballo, que onte se expuxo na praza de San Fernando con motivo do acto institucional da campaña Tui En Negro. Dende hoxe e até este venres as siluetas femininas de “Tui soña” poden verse nas distintas dependencias da casa do concello, e a partir do luns estarán na Área Panorámica, na entrada da Biblioteca e da Sala de Exposicións. Posteriormente, as siluetas volverán saír a rúa, nunha data que se anunciará en función das condicións meteorolóxicas. Por último as siluetas estarán tamén expostas en distintos establecementos comerciais.

Sem comentários:

Enviar um comentário