Gasolineiras, distribuidores de butano, administraccións de loterías e selado de quinielas son máquinas de facer cartos, se están a carón da fronteira con Portugal
A diferenza de prezo nos produtos enerxéticos, preto de vinte e cinco céntimos máis barato na Galiza en litro de gasolina, atrae os conductores de localidades arraianas e dispara a facturación destes negocios na fronteira. Os establecementos de selado de Tui, Lobios ou Feces, presentan facturacións desproporcionadas en comparación co número de habitantes. Se a raia foi negocio noutros tempos grazas o contrabando, hoxe as diferenzas de prezo entre as dúas bandas son causa de negocio para uns e ruína para outros, segundo estén ubicados.
A enerxía, unha mina.O constraste resulta palpábel, gasolineiras cheas con ringleiras de vehiculos deste lado da raia e negocios totalmente baleiros un kilometro máis alá, en Portugal.
A diferenza de prezo na gasolina provoca que estacións de servicio galegas teñan que contratar traballadores e ter, coma é o caso de Tui, cinco por turno, para atender a forte demanda. En Feces, no concello de Verín, os domingos á tarde a avalancha é tal que a garda civil de tráfico ten que regular a circulación entre os portugueses que voltan a Chaves. Aínda que a facturación é confidencial, fontes do sector sitúan estas estacións de servizo como punteiras en Galiza.
A venda de bombonas de butano tamén se disparou. En Portugal o prezo por unidade pasa dos vinte euros, sete máis do que custa aquí. Un vendedor de Tui recoñece que hai gasolineiras que as fins de semana superan o cento de garrafas de venda. A picaresca vai máis alá. Comerciantes portugueses compran o butano en distribuidores galegos, realizando posteriormente a venda porta a porta, catro ou cinco euros máis barato, que os vinte que custa a bombona en Portugal. Aínda que se produciron varios intentos de rematar con este negocio ilegal por parte das autoridades lusas, o impetu posto non foi suficinte nin constante.
Selado de lotaríaTamén son punteiros, en canto a facturación, os negocios de selado na raia. Feces é o lugar máis pequeno de Galiza con administración de loterías, concedida hai dous anos pola altísima facturación. En Lobios, dúas máquinas de selado e premios constantes mostran a elevada facturación. Tui é máis do mesmo, iso sí con tres máquinas e dúas persoas traballando simultaneamente. A razón deste masivo xogo ao outro lado da raia, vén dada non so polos importantes premios das lotarías españolas, senón polos gravames do fisco luso. En Portugal, o premiado debe abonarlle, como mínimo, un vinte e cinco por cento o estado, mentras que a facenda española éxime o premio na declaración dos beneficios. Isto é debido á que a lotaría española recauda máis do que reparte en premios, pagando xa por anticipado ao Estado.
Hai doce anos, antes de implantar Loterías o sistema actual de selado, existían troqueladoras en Portugal de administración de loterías galegas. Aínda agora hai comerciantes en Portugal, que chegan os postos fronteirizos de selado con maletíns cargados de boletos de lotería, aos que lle gañan unha comisión, xa sexa do loteiro galego ou do comprador portugués.
Ruína para os portuguesesEn contrapartida ao que sucede en Galiza, a diferenza de prezos no sector enerxético afoga gasolineiras e establecementos de venda de bombonas de butano en Portugal. Son negocios sen clientes, empresarios enfadados que conxugan a crítica ao propio estado portugués coa que califican como falla de patriotismo dos seus concidadáns, que pasan de largo diante do seu negocio para buscar combustíbel ao outro lado da raia. Na Galp de Valença, agardan tempos mellores e lembran, como aviso a navegantes, cando hai dez anos tiñan ringleiras de condutores galegos agardando para encher os depósitos de gasoleo, a prezos moi inferiores.
En Melgaço, a única bomba de gasolina existente no centro da localidade pechou. O seu dono Antonio Lima, recoñece que dada a situación actual de prezos non pensou en instalar a gasolineira noutro lugar. “É un investimento ao que nunca lle sacaría rendimento, eu mesmo vou botar combustíbel á Galiza”. Lima si conserva, en cambio, a distribución de butano, malia que con restriccións: agora o seu almacén cínguese a un portal de non máis de dez metros cadrados. A nave que antes mantiña chea de botellas de butano arrendoulla a un comercio chinés. Antonio Lima asegura que non dubidou moito cando lle presentaron a operación: “dous anos atrás vendía á semana duascentas garrafas, agora igual sete ou oito, o que ten un apuro, por iso cando viñeron os chineses nono dubidei”. Con amargor ve coma distribuidores ilegais portugueses levan o butano galego porta a porta. “As autoridades non os persiguen por que ás grandes empresas dalle igual que o que vende sexa portugués ou galego”.
Para comer... Portugal!Restaurantes situados a carón da raia en Portugal enriquecense grazas a presenza maioritaria do cliente galego. No Castro Leboreiro, lugar de non máis de cincuenta veciños, os cinco existentes atraen a arraianos co reclamo do bacallao e o leitão. O custe medio dun xantar non supera os quince ou vinte euros.
No Melgaco, en Valença ou Vilanova de Cerveira, a Adega do Sosego, o Stop ou o Escondidinho teñen horarios, servizo e incluso parte das bebidas aclimatados aos costumes galegos. No restaurante Stop, lugar visitado maioritariamente por galegos os días de feira, o camareiro Manuel recoñece que “máis do setenta por cento dos clientes veñen do outro lado da raia, a comer bacallao e arroz de marisco”.
Todos estes establecementos seguen tendo a abundacia como principal reclamo, xunguido cada vez máis ás melloras no servizo, comodidade dos propios establecementos e prezos sensibelmente máis baixos aos de Galiza.
Días feirados como o doce de outubro ou o dezasete de maio, comer en toda a raia é cousa de pacientes. No restaurante Ze María de Valença, teñenlle servido o xantar á invasión de galegos até ás seis da tarde. O sector da hostelaría en Portugal non disparou os prezos coa entrada do euro, hoxe un café custa de media cincuenta céntimos, mentrás que unha cervexa como moito pode rondar os noventa, prezos que están lonxe do forte incremento da hostelería galega dos últimos cinco anos.
Feiras para algo máis que toallasSe os negocios de hostelaría da raia nútrense maioritariamente de galegos, a incidencia en mercados coma a Fortaleza é aínda maior. Malia que quedan establecementos que seguen vendendo toallas ao peso, os tempos mudaron é hoxe o comprador galego busca nos máis de douscentos comercios roupa deportiva ou de marca a prezos sensibelmente inferiores, malia que coa dúbida da procedencia ilegal de moitas das prendas.
Outros negocios compiten non por prezo, senón por calidade e innovación, especialmente os relacionados coa moda do fogar. A Casa Azul, con tres establecementos en Valença, recoñece que nos últimos anos ten mudado a fisionomía de centos de fogares galegos, apostando pola modernidade, cor e non tanto polo prezo.
Os sábados Vilanova de Cerveira, os venres Melgaço ou os mércores Valença son citas para os galegos en busca de gangas. Esta última localidade conta cunha historia de centos de anos as súas costas. O mérito de Valença está tamén nos servizos. Un cómodo aparcadoiro e un sinxelo acceso dende a autoestrada fan que os propios vendedores ambulantes recoñezan que o comprador galego mantena con vida: “senón fose polos galegos, non merecía a penar vir até aquí, iso que se lle está notando a crise”, recoñece un vendedor de bricolaxe agrícola de Aveiro.
Anos atrás, coas fronteiras pechas, so se abrían de maneira puntual para as feiras ao outro lado da ría, por exemplo a dos Santos en Cerdal ou Chaves ou a festa da Madalena na Baixa Limia.
in A Nosa Terra