O perfil ofrece información relativa á cidade, aos albergues do roteiro portugués, fotografías e novas sobre o Xacobeo ao seu paso por Tui
O perfil de Facebook “Tui Camino de Santiago” ten máis dun milleiro de seguidores nesta rede social, unha das máis destacadas por número usuarios. O perfil ofrece información relacionada co Camiño de Santiago en xeral, en particular sobre o roteiro portugués e, sobre todo, a actualidade que ten que ver coa cidade de Tui.
Fotografías, teléfonos, enderezos, consellos, novas, vídeos... son algunhas das cousas que os internautas poden atopar en “Tui Camino de Santiago”. Ademais, e máis importante, é a reposta personalizada que se lle da a cada pregunta concreta. Os interesados, futuros peregrinos, queren chegar ao seu destino coa maior cantidade de información posible. A actualización da información, enderezos e números de teléfono, dos albergues dende Tui a Santiago é unha das informacións máis buscadas polos usuarios de Facebook que pretenden facer o Camiño portugués este verán.
Carencia de información
Este perfil nace pola falta de información relacionada co Camiño portugués e que os usuarios de Internet demandan constantemente. A Concellería de Cultura tudense, unha vez analizadas as carencias na Rede sobre este tema de gran importancia para Tui neste Ano Santo, puxo en marcha este perfil hai tres meses. Gran parte dos primeiros seguidores foron os propios tudenses usuarios desta rede social. E a partir de aí os contactos multiplícanse a gran velocidade. Este é o xeito en que funcionan as Redes Sociais e nesta sinxela dinámica radica gran parte do seu éxito. A información chega a través dun amigo ou coñecido, o que lle da máis credibilidade.
A idea do Concello de aproveitar as sinerxías que as redes sociais e a información turística teñen en común está a ser compartida por Concellos, asociacións e empresas privadas que tentan chegar ós seus posibles visitantes e clientes a través da Rede. Son moitísimas as re erencias ao Camiño que se poden atopar a día de hoxe en Facebook, e o noso perfil está entre os máis seguidos.