Somos moitas as persoas ás que nos gusta chamar as cousas polo seu nome, nomear. Aprendemos desde a infancia que nós non nos chamamos, chámannos. Nomear é dicir un nome, é tamén designar, elixir alguén. Desde hai uns meses temos un Centro de Saúde novo en Tui, un espazo onde a vida gurgulla, loita contra a morte e, ás veces, dálle a man. É un lugar fundamental para a cidadanía, onde experiencia, profesionalidade, sabedoría e palabras sandan corpos e a mentes, grazas a médicas e enfermeiros, a médicos e enfermeiras e a todo o persoal que está adaptando o novo edificio ás necesidades reais, moldeándoo, dándolle osíxeno para que alente. O Centro de Saúde de Tui precisa un nome e para min só pode levar un, eu quero pedirlle á cidadanía tudense que lle poña este nome: Alejo Diz Jurado. Un nome que é sinónimo de “saúde” e enche de contido a palabra “Tui”. A memoria ten gardado este nome nunha arca fermosa, alí espera silencioso, entre os retratos da familia, nos relatos do cotián que chegan por herdanza, no aprendido que se transmite polas rúas da cidade por onde andan os nomes que regresan, para sabermos quen fomos un día, para aprendermos xenerosidade e entrega, fronte á represión e loucura. Houbo un tempo tamén antes de agora que as persoas moradoras da cidade traballababan para un mundo mellor, querían e tamén soñaban. Alejo Diz Jurado era unha desas persoas, e non hai moito aínda había quen nos podía falar del por o ter coñecido e nós podiamos preguntar, mais para facermos preguntas, cómpre sabermos. Alejo Diz Jurado foi médico, un bo médico, coñecido, tamén como o seu amigo Darío Álvarez Limeses, como o “médico dos pobres”. Isto eu sabíao.
FOI EL QUEN ACUDIU PARA ATENDER AQUEL RAPAZ DE CATORCE ANOS FERIDO NOS SUCESOS DE SOBREDO, O 22 DE NOVEMBRO DE 1922, UN DÍA EN QUE XA SE VENTABAN MALAS NOVAS
A crónica dun xornal conta que foi el quen acudiu para atender aquel rapaz de catorce anos ferido nos sucesos de Sobredo, o 22 de novembro de 1922, un día en que xa se ventaban malas novas. Naceu en Tui o 23 de setembro de 1885, foi estudante na Universidade de Santiago, onde foi compañeiro de quen sería o célebre doutor Nóvoa Santos, doutourouse na Universidade Central de Madrid, fíxose médico e asentou na cidade en que naceu. Podemos ler a entrada que fai referencia á súa persoa na agora esquecida Gran Enciclopedia Gallega e sentirmos a emoción por saber que o redactor desta información foi o tamén médico e nacido en Tui, Darío Álvarez Blázquez, fillo do médico Álvarez Limeses. Na rede e de actualidade, lean o artigo da autoría do médico e tudense, Rosendo Bugarín González, e da súa filla, Carmen Bugarín Diz, estudante de medicina e bisneta de Diz Jurado, Alejo Diz Jurado, médico tudense, impulsor do seguro de enfermidade, semblanza breve, mais produto dunha rigorosa investigación que nos fornece todos estes datos. Lendo sabemos que en Tui casou Alejo Diz Jurado con Concepción Rodríguez Caballero, que tivo seis fillos e que o seu compromiso político e cidadán levouno a ser alcalde da cidade de 1918 a 1922, como rexedor e médico, debeu de enfrontarse á gripe de 1918. En 1925 xunto con Darío Álvarez Limeses é nomeado médico titular de Tui e en 1927 Inspector Municipal de Sanidade. Chega o entusiasmo da República, os dous médicos, Alejo e Darío, son militantes de Esquerda Republicana moi comprometidos socialmente, Alejo vai ser o primeiro alcalde republicano, como profesional de recoñecido prestixio recibe a encomenda, conxuntamente con Joaquín Ruíz Heras, do Consejo General de Médicos de España de se desprazaren a Dinamarca e estudaren os sistemas de aseguramento sanitario que se comezaban a aplicar en Europa, ao regresaren redactaron un informe que foi a base do seguro de enfermidade en España. Foi fundador e director do xornal satírico tudense, de vida efímera, La Tetera, que hoxe sorprendería a máis dunha persoa pola súa mordacidade e ataque aos políticos conservadores, asinaba co pseudónimo “Criticón B”, sobre esta faceta súa de colaborador en prensa, Álvarez Blázquez califícao de “escritor fácil” e por veces mordaz.
PRIMEIRO ALCALDE REPUBLICANO DE TUI, APÓS UNHA VIAXE A DINAMARCA, REDACTA CONXUNTAMENTE CON JOAQUÍN RUÍZ HERAS UN INFORME QUE FOI A BASE DO SEGURO DE ENFERMIDADE EN ESPAÑA
O 13 de outubro de 1936 Alejo Diz Jurado foi xulgado nun Consello de Guerra e condenado por adhesión entusiasta e voluntaria á rebelión, é fusilado, co seu amigo e compañeiro de profesión Darío Álvarez Limeses, o 30 de outubro de 1936 na Alameda de Tui. Na casa onde viviu a familia Álvarez Blázquez unha placa recobra a súa memoria, tamén hai outra placa na rúa San Telmo que lembra ao médico Darío Álvarez Blázquez. Hai uns anos Tui tivo a fortuna de contar cun médico como Alberto Lois Bernárdez, a quen tan ben se lle quería, como reza nunha placa situada onde se atopaba a súa consulta. Alejo Diz Jurado non ten placa, mais aínda que nel mataron entrega e xenerosidade, non poideron matar o agradecemento que se transmitiu ás xeracións máis novas de todas as persoas ás que atendeu como médico dos pobres. Por iso, pola memoria de enfermos e enfermas de corpos e mentes, pola memoria de quen soñou un día cunha cidade máis amábel, pídolle á cidadanía tudense que lle dean ao novo Centro de Saúde de Tui o nome de Alejo Diz Jurado, que o elixan, por médico e, sobre todo, por bo e xeneroso.
in Sermos Galicia