quarta-feira, 15 de abril de 2009

A III EXPOSICIÓN COLECTIVA DE ARTISTAS TUDENSES REÚUNE A OBRA DE 64 CREADORES E AFECCIONADOS

A Concellería de Cultura do Concello de Tui organiza a terceira edición de “Artuistas: exposición colectiva de artistas tudenses” que foi inaugurada o pasado sábado 11 de abril na Sala Municipal de Exposicións no edificio Área Panorámica.
Nesta mostra reúnese unha escolma da produción dun total de 64 creadores e afeccionados vinculados á cidade de Tui, ben por nacemento ou por residencia, e como apuntou o concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, no decurso do acto inaugural, esta exposición colectiva dende a súa ampla diversidade de técnicas e calidades amosa o vigor e a potencialidade creativa das xentes de Tui. Participan nesta colectiva un total de 64 artistas tudenses con 110 obras de diversas técnicas, temáticas e estilos, ateigando a Sala Municipal de Exposicións.
Nesta exposición que estará aberta ao público ata o vindeiro 27 de abril os visitantes poden contemplar obras de artistas de recoñecido prestixio como Silverio Rivas, Víctor Aparicio, José Luís Méndez Rodríguez “Lis”, Xavier de Sousa ou Suso Valiente ata un amplo número de afeccionados. Amais na exposición podemos contemplar obras de artistas tudenses, xa de avanzada idade, pero que teñen realizado unha obra de grande calidade e centrada especialmente na propia cidade, é o caso de Alfonso Álvarez Pazo, Martín Rodríguez Álvarez ou Luís Coello.
Esta ampla diversidade é unha das notas características desta exposición colectiva que suscita un amplo interese entre os veciños de Tui e os visitantes que se achegan nestas datas festivas.
Para a Concellería de Cultura tudense a realización de esta III Exposición colectiva de artistas tudenses é unha oportunidade única de amosar como as xentes de Tui teñen unha ampla capacidade de creación artística. Moisés Rodríguez agradece a todos os participantes o seu interese por amosar a súa produción e a colaboración prestada coa Concellería para lograr reunir este amplo abano da capacidade artística das xentes de Tui.

Sem comentários:

Enviar um comentário