O Concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, presentou esta mañá a programación preparada póla Biblioteca Municipal tudense para a celebración, ao longo da vindeira semana, do “Día da Biblioteca” así como a páxina web deste servizo bibliotecario accesible dende o día de hoxe.
A celebración do “Día da Biblioteca”, sinalou o concelleiro, é unha iniciativa da Asociación Española do Libro Infantil e Xuvenil que dende 1997 ven promovendo esta celebración para a difusión do importante papel que cumpren as bibliotecas no desenvolvemento social das persoas e das colectividades.
Co gallo desta celebración, o 24 de outubro, a Biblioteca Pública Municipal de Tui ten preparado un programa de actividades que tenta ofrecer unha promoción da lectura e da oferta das bibliotecas para os diversos segmentos sociais e de idade, que foi presentado pólo técnico da Biblioteca tudense, Rafael Sánchez Bargiela.
Así o programa ábrese o vindeiro mércores 21 de outubro cunha sesión de contacontos para adultos a cargo da compañía “Tropa de Trapo” que representará o seu espectáculo “A hora azul”. Son catro contos que veñen de Marrocos, de Alxeria, da Galicia… de calquera parte do mundo e de todas á vez. Contos de mulleres que non se renden, da emigración, do deserto, do realismo máxico da Galicia máis surrealista. Historias ao son da guitarra portuguesa, do laúde árabe, da darbouka, do caixón flamenco, das karkaba, etc. Esta actividade forma parte do programa Letras Vivas que promove a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo.
Continua o programa o xoves 22 de outubro, tamén ás 17,30 horas cando haberá unha proxección de cinema de animación vinculado ao mundo do libro e da lectura e dirixida aos nenos e nenas da nosa localidade.
Para o venres 23 de outubro de 17,30 a 19,00 horas está previsto un obradoiro de iniciación á banda deseñada, dirixido a rapaces e mozos a partir dos 10 anos. Este obradoiro está dirixido por Jacobo Fernández Serrano, recente gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2009. Jacobo é ben coñecido polo seu traballo como ilustrador e autor de cómic (gañou o Premio Castelao de Banda Deseñada en 2007 con Aventuras de Cacauequi e este ano estivo nomeado ao mellor autor revelación no Saló del Còmic de Barcelona), mais xa publicara dous libros infantís escritos e ilustrados por el: A Gardería de Dona Bixelmina (Edicións Xerais, 2005) e A pedra e as formigas (Edicións Xerais, 2006). Ten publicados ademais os álbums de BD Os amigos de Archimboldo Roque (Faktoría K, 2007) e El origen de Marcopola (Bang Ediciones, 2009). Esta actividade forma parte do programa Letras Vivas que promove a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Conselleria de Cultura e Turismo.
Finalmente o sábado 24 de outubro, día da Biblioteca, haberá unha sesión de contacontos para nenos e nenas de ata 8 anos e os seus pais a cargo de Mabel Pérez. Esta sesión terá lugar ás 12,00 horas e conta co patrocinio da Editorial Galaxia.
Por outra banda, na devandita rolda de prensa foi tamén presentada aos medios, por Cristina Sanjurjo, a páxina web da Biblioteca Pública Municipal de Tui, que posibilitará que este servizo bibliotecario poda achegarse aínda máis aos seus usuarios e a todos os cidadáns. Nesta páxina web podemos ter acceso ao catálogo da biblioteca, á consulta da súa programación de actividades, actos culturais do concello, novidades, etc. Tamén hai á disposición dos internautas información diversa sobre á cidade e o seu entorno. Ademais con esta ferramenta os usuarios poderán facer algúns trámites como a reserva de instalacións ou a organización de visitas en grupo á Biblioteca Municipal.
Para acceder a este servizo, os internautas deben dirixirse ó enlace www.biblioetcaspublicas.es/tui/index.jsp ou sinxelamente entrando na páxina: www.bibliotecaspublicas.es é escribindo no menú o nome da localidade: “Tui”. Esta páxina, que estará accesible a vindeira semana, é realizada grazas ao apoio da Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura, que ten facilitado aos bibliotecarios tudenses o correspondente programa xerador desta sede web.