Esta fin de semana celébrase a décimo oitava edición da Feira de Artesanía en Tui. Unha trintena de postos de artesáns distribuiranse pola rúa Ordóñez, Praza do Concello, Praza de San Fernando e Claustro da Catedral. A feira poderá visitarse tanto o sábado 3 coma o domingo 4 de 12h a 22h.
32 artesáns galegos, dos que máis dunha ducia son tudenses, presentarán as súas creacións en marroquinería, olería, cerámica, bixutería, cestería, pratería, vidro, instrumentos tradicionais, xoguetes, pirogravado, macramé... Amais no claustro da Catedral estarán traballando as integrantes da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño así coma as alumnas do curso de bordado ao aire que se están a impartir na cidade.
De forma paralela á feira está prevista a actuación de grupos folclóricos. O sábado será a quenda dos grupos folclóricos Santiago de Malvas, San Xoán de Paramos, Inquedanzas de Pazos de Reis, e O Mosteiro de Pexegueiro. Mentres o domingo será a quenda de Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro e Seixos Albos de Areas.
Esta mañá tivo lugar a presentación desta actividade a cargo da concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, acompañada dalgúns dos artesáns tudenses que acudirán á feira. Vanesa Rodríguez destacou o feito de que a feira cumpra 18 anos nesta edición, nunha aposta pola promoción tanto da artesanía coma do Conxunto Histórico da cidade. Salientou asemade a labor dos artesáns que dicían “lle dan vida a cada peza” nun traballo artesán que hoxe en día está en auxe.
Salomé Álvarez, da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño creada no ano 1990, explicou que achegarán ata o Claustro da Catedral algunhas das pezas que elaboran como roupa de bebés, de bautizo, para noivas, ou complementos coma abanicos. Cada año incorporan novos produtos e materiais. Tamén no Claustro da Catedral estarán as alumnas do curso de Bordado ao Aire que imparte Puri Diz, quen sinalou que amosarán os seus traballos tanto para o traxe tradicional como para outro tipo de prendas.
Manuel Porto presentará esta fin de semana na feira as súas pezas de cestería, un oficio que aprendeu de neno e que recuperou tras a súa xubilación. María del Mar Méndez acudirá por primeira vez a esta cita con carteira, bolsos, axendas,...elaboradas en coiro. Mentres Raquel Martínez presentará as pezas de roupa e complementos que comercializa baixo o nome de “La Gata Popera” caracterizadas polo seu cor e estampados e que están inspirados nos anos 60 e 70.
Debido á celebración da Feira de Artesanía dende o venres, 2 de maio, ás 7h, ata o luns 5 ás 15h non se poderá circular nin estacionar na rúa Ordóñez.
XVIII Feira de Artesanía de Tui
Sábado 3 e domingo 4 de maio de 12h a 22h
Rúa Ordóñez, Praza do Concello, Praza de San Fernando e Claustro da Catedral
32 postos de exposición e venda de artesanía
Demostración da Asociación de Palilleiras do Baixo Miño e do curso de Bordado ao aire
Programa:
Sábado 3
Ás 12h inauguración
Ás 12h grupo folclórico Santiago de Malvas
Ás 17h grupo de gaitas San Xoán de Paramos
Ás 18.30h grupo folclórico Inquedanzas de Pazos de Reis
Ás 20h grupo folclórico O Mosteiro de Pexegueiro
Domingo 4
Ás 12h Grupo folclórico Xuntanza de Randufe
Ás 17h Grupo folclórico San Fins de Rebordáns
Ás 18.30h Grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro
Ás 20h Grupo folclórico Seixos Albos de Areas