quarta-feira, 30 de abril de 2014

Marcha BTT, marcha popular e andaina popular o domingo 11 de maio en Tui

O domingo  11 de maio Tui ten dobre cita deportiva coa XII Marcha BTT organizada polo Club BTT Monte Aloia xunto coa Asociación Veciñal A Lavandeira, quen organiza a andaina paralela para os familiares dos ciclistas e público en xeral. 
Ámbalas citas comezarán ás 9:30h no Complexo Deportivo da Macoca, en Pazos de Reis, onde os participantes da Marcha BTT poderán recoller os dorsais unha hora antes do comezo. Hoxe tiña lugar a presentación no Concello de Tui á que acudiron os concelleiros de Deportes e Formación Nicolás Lorenzo e José Ángel Villaverde, xunto co presidente do Club BTT Monte Aloia, Jose Carlos Vila, a vocal da Asociación veciñal de A Lavandeira Dolores Albores, e o tesoureiro do Club Xosé Martínez.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, quixo salientar o longo percorrido desta cita deportiva que este ano cumpre a súa duodécima edición, grazas ao traballo conxunto entre o club e a asociación veciñal, unha das probas con maior soleira na cidade segundo as súas palabras. 
Pola súa banda, José Carlos Vila, presidente do Club BTT Monte Aloia, fixo fincapé no nivel de dificultade de este ano, menor que en anos anteriores, xa que buscan a participación de todo o mundo . Ademais da Marcha principal, de 42km, esta reducirase ata os 33km para aqueles que se inician no mundo da BTT de montaña. Haberá asemade,  unha Marcha Popular de 16km.
Os primeiros 17km do percorrido serán chás e discorrerán pola ribeira do Louro ata chegar ao campo de Ribadelouro onde terá lugar o primeiro avituallamento líquido, para logo comezar a segunda etapa en subida  logo da cal terá lugar o segundo avituallamento sólido.  Para a baixada xa no Parque Natural do Monte Aloia, haberá dúas alternativas opcionais segundo a preparación dos participantes, unha sen apenas dificultades a través de pistas abertas, e outra máis técnica. 
O tesoureiro do Club BTT Monte Aloia, Xosé Martínez, apelou á importancia deste acontecemento coma actividade de promoción do pobo, ao percorrer sendas e camiños da cidade e parroquias que xeralmente non son coñecidos polos visitantes .
Por outra banda, Dolores Albores, vocal da Asociación Veciñal A Lavandeira, informou do interese cultural e paisaxístico da andaina, de 7km de duración, xa que boa parte do percorrido será á beira do río Tripes, pola senda dos muíños, podendo apreciar un deles en funcionamento posto en marcha especialmente para a ocasión, así coma a visita ao Castro do Alto dos Cubos. Aos asistentes se lles proporcionará bebida, froita e bocadillo.
O prezo da Marcha BTT é de 6 euros e o da Andaina e Marcha Popular  3 euros respectivamente. As inscricións deberán formularse, ata o xoves 8 de maio ás 00:00h, na páxina web http://mtbaloia.blogspot.com.es onde os interesados poderán solicitar toda a información que precisen.

Sem comentários:

Enviar um comentário