terça-feira, 31 de julho de 2018

O concello de Tui contratará un asesor fiscal para prestar asistencia aos afectados de Paramos e Guillarei

O alcalde indica que urxe a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil
O Concello de Tui contratará un asesor fiscal para prestar asistencia aos afectados pola explosión do 23 de maio no barrio da Torre, en Paramos.  Así o expuxo este mediodía o alcalde, Carlos Vázquez Padín, tras a reunión mantida no Centro Cultural de Guillarei á que asistiron medio centenar de afectados.
O mandatario municipal incidiu na importancia da declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil, e o posterior decreto que debería incluír unha serie de exencións fiscais aos afectados. Nese senso aludiu o rexedor a inquietude que hai entre os veciños polas consecuencias fiscais que poderían ter as axudas, de aí que se adopte a decisión de contratar un asesor fiscal. Tamén quixo facer fincapé na importancia de que os veciños soliciten as axudas e na peor das hipótese sempre estarían a tempo de renunciar a esas contías. Precisamente o asesor fiscal que prestará asistencia no Centro de Afectados, informará aos veciños, coa situación a día de hoxe de ausencia de exencións fiscais, das repercusións en renda en cada caso concreto, co que poderán  tomar decisións con todos os datos.
O alcalde indicou que estas reunións cos veciños están a resultar moi positivas porque os afectados transmiten as súas inquedanzas, os pequenos problemas que van xurdindo coma consecuencia da complexidade burocrática, urbanística, social.
Por outra parte dende o Concello faise fincapé na importancia de que calquera persoa que teña sufrido danos coma consecuencia da explosión do 23 de maio no barrio da Torre, independentemente da contía dos danos e de se conta ou non con seguros, se inscriban coma afectados no Centro de Afectados no Centro Municipal de Formación en Guillarei, até próximo venres, 3 de agosto.
En canto á situación na zona afectada ao longo do mes de agosto rematará o desamiantado e retirada de cargas sobre forxados. E tamén no próximo mes estará rematado o estudo de xestión de residuos, documento preciso para acometer o desentullo.  

Sem comentários:

Enviar um comentário