terça-feira, 1 de setembro de 2015

Unha vintena de desempregados da cidade formaranse no obradoiro de emprego “Descubre Tui 2015”

O obradoiro abarca dúas especialidades, "Promoción turística local e información ó visitante", e "Deseño de produtos gráficos"
Hoxe martes, ás dez da mañá, tivo lugar a presentación do obradoiro de emprego "Descubre Tui 2015", no que unha vintena de alumnos desempregados se formarán ata febreiro. Asistiu á presentación o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, o Delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e os alumnos e docentes do obradoiro.
O alcalde de Tui quixo agradecer ó delegado da Xunta para a provincia de Pontevedra a concesión deste obradoiro de emprego. Enrique Cabaleiro incidiu que "Descubre Tui" é unha actividade primordial para o municipio, xa que unha das fontes reais e potenciais de desenvolvemento económico da cidade é o turismo.  O rexedor tamén desexou que tras este obradoiro, moitos tudenses saian con formación para mellorar o tecido socioeconómico e laboral de Tui.
O concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, destacou que neste mes de agosto máis de 15.000 persoas se achegaron pola oficina de turismo e polo punto de información da cidade, o que demostra a boa saúde do turismo en Tui. O Camiño Portugués en auxe, está a xerar a creación de negocios artellados ó seu redor, como a construción dun hotel no Casco Histórico.
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta para a provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que os obradoiros son fundamentais e que unha vez que mellore a economía, tentarán facelos máis longos. No caso concreto de Tui, incide que a temática do obradoiro é básica para a cidade, co gallo de potenciar o sector e poder crear postos de traballo ó seu redor. De feito, Cores Tourís recordou que a actual Xunta de Galicia investiu neste tipo de iniciativas en Tui case 700.000 euros dende 2009.
O concello de Tui recibiu unha subvención por parte da Consellería de Traballo e Benestar para á actividade de 178.157 euros. "Descubre Tui 2015" abarca a especialidade de "Promoción turística local e información ó visitante", e "Deseño de produtos gráficos". Cada modalidade dará formación a 10 alumnos.
O proxecto ten unha duración de 5 meses, comezando hoxe e rematando o vindeiro 29 de febreiro do ano 2016.  En concreto, na provincia de Pontevedra, investiranse 3,2 millóns de euros para a posta en marcha destes cursos de formación que beneficiarán a case 500 persoas entre alumnos e profesores, en 20 obradoiros.

Sem comentários:

Enviar um comentário