segunda-feira, 12 de dezembro de 2011

O Concello de Tui reduce en case un 50% o investimento no alumeado de Nadal



O Concello de Tui reduce este ano en case un 50% o investimento no alumeado de Nadal, dada a actual situación de crise económica. O orzamento deste ano é de 25.400€ máis IVE. Deste xeito o goberno municipal decidiu por unha banda suprimir a ambientación musical das rúas, e por outra reducir o número de arcos que se instalan na cidade. Amais continuase coa política de aforro e eficiencia enerxética iniciada hai xa uns anos de tal xeito que as luces instaladas son todas de baixo consumo, aforrando así tanto na instalación como no consumo de electricidade.
Aínda así o casco urbano tudense luce dende hoxe mesmo unha chamativa iluminación de Nadal, xa que dende o Concello consideran que isto repercute positivamente no comercio e na hostalería local.
O alumeado de Nadal foi acendido esta tarde, e permanecerá acceso ata o 6 de xaneiro en horario de seis da tarde a dúas da madrugada. Por outra parte instaláronse rótulos de Bo Nadal nos accesos ao casco urbano na rúa Colón, na Avenida de Portugal, na Avenida da Concordia así como na Praza da Inmaculada no Pazo de Xustiza. Mentres instaláronse arcos no Paseo da Corredoira, nas rúas Calvo Sotelo, Augusto González Besada, Compostela, Casal Aboy, Lugo, Betanzos, Martínez Padín, Avenida da Concordia, Avenida de Portugal, Rosa Bahamonde, Ordóñez, Camilo José Cela, Foxo, Maristas, Colón, Coruña e Generalísmo. E foron colocados motivos laterais nas rúas Ourense, Mondoñedo e Betanzos.
A principal novidade está en que coa política de aforro non se iluminarán as árbores do Paseo da Corredoira, manténdose so os arcos, e tampouco se colocarán figuras en 3D, nin se ilumina o palco da música. De todos os xeitos Tui seguirá sendo un referente no alumeado de Nadal.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salienta que nesta época dada a situación é económica, é preciso reducir gastos, como neste caso se ten feito no alumeado baixando case un 50% no orzamento con respecto a 2010. Aínda así confía en que a iluminación sexa do agrado da poboación tanto tudense como foránea, xa que cada ano son moitas as persoas que veñen ex profeso a Tui para ver o alumeado, e aproveitan despois para facer algunha compra ou consumir nos establecemento hostaleiros.

Sem comentários:

Enviar um comentário