domingo, 6 de agosto de 2017

Capela de Nossa Senhora dos Remédios de Soutelo

União das freguesias de Gondomil e Safins
Soutelo
No concello de Valença e na unión de parroquias de Safins e Gondomil existe un lugar denominado Soutelo. Alí elévase unha pequena cima de 259 metros de altura cuxa figura lémbranos a silueta dun asentamento castrexo. Á súa forma elíptica debémoslle engadir os seus posibles fosos totalmente desconfigurados e sobre todo nunha das súas ladeiras a existencia dun elemento sacralizador de importancia: a Capela de Nossa Senhora dos Remedios.
Do posible castro nada se pode ver pois na súa croa existe hoxe unha piscina municipal e son varias as estradas e pistas que o atravesan.
Xunto á igrexa atopamos o motivo pagán que seguramente deu orixe á capela, hoxe igrexa parroquial.
Xunto a ela eríxense dous xigantescos penedos que forman un gran oco por baixo delas. Alí, segundo a tradición cristiá apareceuse a Virxe. Poderemos ver entre reixas debaixo da gran roca un pequeno monumento á aparición da cal non sabemos se foi unha aparición mariana ou ben se o que se descubriu foi unha imaxe do mesmo xeito que en moitos santuarios de Galicia. Nesta “cova” poderemos ver dúas hornacinas que acubillarían dúas supostas imaxes hoxe substituídas por unha moderna. O lugar da aparición foi cuberto cunha pequena construción cuberta de tellas. Á beira desta existe unha fonte e sobre ela unhas moi curiosas marcas na roca que nos podería facer pensar nunha imaxe mesmo mariana. Sobre o xigantesco penedo existen unhas grandes pilas cunha pequena canle de baleirado que non sabemos se é natural ou artificial.
A capela actual é de orixe barroca, século XVIII seguramente. Diversos restos fannos pensar nunha capela anterior románica, o cal é máis que probable. Ten engadida a sancristía á súa planta rectangular orixinal de dous corpos. No século XX engadíuselle un torreón con campanario de grandes sillares no seu parte inferior e cuxo corpo superior foi pintado de branco.
Destacamos a súa orientación cuxa portada se orienta ao Norte escapándose da orientación máis común das igrexas cristiás. No muro da parte de atrás veremos os restos dun arco, hoxe cego, que podería advertirnos dunha antiga orientación diferente da capela.
Unha gran chaira para dar cabida ás romarías rodea a igrexa. Ademais temos un palco para as nomeadas festas. A 50 metros está tamén o cemiterio parroquial.
O conxunto atópase en magníficas condicións de conservación e mantemento xa que foi recuperado integramente neste século.
in Galicia Máxica

Sem comentários:

Enviar um comentário