quinta-feira, 31 de agosto de 2017

Tui porá en valor o seu patrimonio xudeu durante as Xornadas Europeas da Cultura Xudía

Celebraranse dende este venres ata o domingo cun seminario, exposicións, e visitas guiadas
Tui será unha das once cidades españolas que celebren este fin de semana as Xornadas Europeas da Cultura Xudía baixo o lema “Diasporas”, cuxo obxectivo é a posta en valor e promoción do legado dos xudeus e conversos na cidade.
Tui conta cun importante patrimonio vinculado á presenza xudía na cidade no que se focalizará este venres, sábado e domingo nas actividades programadas no antigo convento de San Domingos, así coma nas visitas guiadas establecidas. O programa ten carácter gratuíto e non é preciso inscrición previa.
A apertura destas xornadas terá lugar o venres ás 17h na Sala de Conferencias da Aula da UNED co seminario “As paisaxes do exilio: a migración e o segredo das familias sefardís” con entrada libre. En primeiro lugar intervirá Rafael Sánchez Bargiela, historiador tudense e xerente do Xacobeo, que abordará na súa conferencia a figura do filósofo e médico Francisco Sánchez, nado en Tui pertencente a unha familia xudeoconversa motivo polo que emigraron a Burdeus.  Logo o historiador tudense Suso Vila disertará sobre  “As paisaxes do exilio: a migración e o segredo das familias sefardíes”,  e por último José Manuel Laureiro e Anu Barrios, investigadores da cultura xudía, abordarán os “Vestigios criptojudíos en la raya. Una cultura de resistencia”.
A primeira xornada rematará coa visita guiada gratuíta “Comunidade xudía medieval” que sairá ás 20.15h dende a Praza da Inmaculada.
O sábado ás 18h na Sala de Conferencias da Aula da UNED no Antigo Convento de San Domingos  haberá proxeccións de cinema de temática serfardí, e ás 20.15h realizarase unha nova visita guiada gratuíta dende a Praza da Inmaculada co título “O criptoxudaísmo na cidade histórica. Por último o domingo está programada unha nova proxección de cinema de temática sefardí ás 18h na Sala de Conferencias da Aula da UNED no Antigo Convento de San Domingos  e ás 20.15h levarase a cabo a visita guiada gratuíta dende a Praza da Inmaculada “A represión e a disidencia relixiosa: cárceres e Inquisición”.
Exposicións
Por outra parte no mesmo edificio do antigo convento de San Domingos podénse visitar xa as exposicións “O exilio da filosofía: Francisco Sánchez, o tudense” e “As familias criptoxudías: entre a diáspora e a asimilación: os Coronel”. Estas dúas mostras permanecerán abertas ata o 15 de setembro en horario de 9 a 14h.
Visita guiada, folleto informativo, e sinais da Ruta Xudía
O patrimonio vinculado á comunidade xudía está presente na visita guiada gratuíta que se realiza de luns a venres, ás 20h, dende a Praza da Inmaculada.  Pero tamén se pode percorrer a ruta xudía seguindo o folleto turístico sobre este percorrido editado polo Concello ou coa sinalización instalada na cidade histórica que marca precisamente este patrimonio. No caso da ruta xudía parte dende a Praza da Inmaculada, e a través dos códigos QR dispoñibles en cada sinal pódese realizar o percorrido ampliando a información sobre cada elemento.
Os Sambenitos, a casa de Salomón e a Menorá da Catedral elementos destacados do patrimonio xudeu
No rico patrimonio tudense vinculado á cultura xudía destaca pola súa singularidade os Sambenitos. Cinco pezas que se gardan no Museo Diocesano, e que foron atopados na Catedral, no que se recollen as penas impostas pola Inquisición a catorce veciños de Tui e Baiona.  Son elementos únicos en Europa.
Por outra parte a relación existente entre a comunidade xudía e a cristiá queda testemuñada coa menorá ou candelabro de 7 brazos, que aparece gravada no claustro da Catedral de Tui. A casa de Salomón, na rúa Bispo Castañón, distribuída entorno a un patio central representa un exemplo único da arquitectura xudía.  O patio da sinagoga na rúa Ordóñez, os restos dunha carnicería  na rúa Entrefornos ou a pratería conservada no Museo Catedralicio son outros elementos destacados da comunidade xudía e xudeu conversa en Tui.

Sem comentários:

Enviar um comentário