CON ALTITUDES QUE SUPERAN OS 600 METROS, O MONTE ALOIA OFRECE BELAS PANORÁMICAS
Xullo e agosto son bos meses para visitar os parques naturais que se estenden por tres das catro provincias galegas
Ule o verán. Certo: faltan aínda 42 días, pero a sensación nas aulas é que se entrou na recta final do curso. Unha sensación certa, ademais. E o bo tempo desta primavera anima a pensar en excursións e saídas ao campo a ver monumentos, fauna, flora ou todo xunto.
Dunha cousa, da outra e da terceira vanse atopar quen aproveiten unha boa fin de semana ou calquera día das longas vacacións do verán para coñecer o Monte Aloia, o primeiro parque natural de Galicia, hoxe convertido non só nun territorio con moita historia, senón tamén cunhas especies arbóreas moi ben organizadas no que se chama a Senda Botánica. Ademais, cuns representantes do reino animal nos que destacan as vacalouras, seguidas de perdices, lagartos arnais, ourizos, raposos e coellos, mentres os aires os suca o miñato.Cómpre dicir que o Monte Aloia, nas aforas desa antiga capital de provincia que foi Tui, é hoxe en día unha impecable e enorme área recreativa moi frecuentada no estío. É dicir, o contrario dun parque natural salvaxe como pode ser o do Invernadeiro, na provincia de Ourense, onde cría o lobo e non está autorizado o paso a grandes zonas.Unha ollada á historia leva a 1935, cando o Aloia foi declarado sitio de interese nacional. Este remate da serra do Galiñeiro, abundancia de cabalos salvaxes montes adiante, é parque dende 1978. Son 746 as hectáreas protexidas, con altitudes entre os 90 e os 629 metros (alto de San Xiao), con moito piñeiro, pero tamén procurando o seu lugar carballos, sobreiras, acivros, castiñeiros, algún salgueiro... Certo: cando se pasa dos 550 metros se comproba que cada vez o entorno está máis orfo de especies vexetais de porte. E é que o vento fai o seu incansable traballo e deixa ao descuberto o omnipresente granito, algún del traballado de maneira maxistral polo home, como é o rego de Pedra, unha canalización de 632 metros que resulta posible percorrer mesmo para xente de pouca idade.Pero non se pode rematar sen volver á Senda Botánica, antes citada. É un paseo cómodo de tan só 400 metros de longo, aínda que ninguén negará que constitúe un auténtico mostrario de árbores, algunhas coñecidas e outras das que para saber da súa existencia cómpre ser un auténtico especialista. En suma, un libro de botánica ao aire libre. E o Monte Aloia, un tesouro natural e artístico tamén ao aire libre.
in La Voz de Galicia
Sem comentários:
Enviar um comentário