O venres pasará por Tui a iniciativa Reta3 Muévete por el Alzheimer
Tui súmase mañá, 21 de setembro, á celebración do Día Mundial do Alzheimer coa iluminación en morado do edificio da Área Panorámica na rúa Colón. Deste xeito quérese visibilizar esta doenza, que na área de Vigo afecta a máis de 10 mil persoas. O Concello de Tui responde así á solicitude neste senso feita dende AFAGA, a Asociación de Familiares de Alzheimer e outras demencias de Galicia. O lema deste 2017 é “Recorda quen son” co que se pon o acento tanto nas persoas que sofren alzhéimer ou outra enfermidade neurodegenerativa, como nos seus coidadores/as e familiares, que teñen que enfrontarse día a día a esta realidade.
Cómpre lembrar que AFAGA conta na antiga Escola de Chans en Randufe co Centro Comarcal de Atención ao Alzheimer do Baixo Miño onde desenvolven obradoiros de estimulación cognitiva e funcional.
Por outra parte este venres, 22 de setembro, chegará a Tui a iniciativa Reta3 Muévete por el Alzheimer, levada a cabo por un mozo de Gondomar, Daniel Fernández, coa que busca recadar fondos para a posta en marcha de novos programas e servizos dirixidos a enfermos de Alzheimer a través de AFAGA. Daniel Fernández, cuxo avó faleceu a causa do Alzheimer, sairá ás 9.30h dende o centro de Día de AFAGA en Vigo pasando por Redondela, Mos, O Porriño, Ponteareas, Salceda, Tui, A Guarda, Baiona e Nigrán, regresando ao punto de partida. Daniel Fernández ao seu paso por Tui, sobre ás 13h do venres, será recibido polas autoridades municipais na casa do concello. En total completará 200 quilómetros en bicicleta en aproximadamente 4 horas.
Sem comentários:
Enviar um comentário