A senda da Pedra Santa, cunha lonxitude de 9.995 metros, súmase á rede de sendeiros cos que conta o concello de Tui debidamente sinalizados e identificados. O Concello de Tui vén de colocar nos últimos días os carteis explicativos do percorrido e de limpar un pequeno tramo do mesmo logo de que o club AndaTui levase a cabo a súa sinalización en branco e verde, por tratarse dunha senda local de menos de 10 quilómetros de acordo as marcas federativas.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto aos concelleiros de Medio Ambiente, José Martínez Tato e de Seguridade e Emprego, José Ramón Magán, percorreron este sendeiro comprobando o seu trazado. Trátase dunha senda circular que ten o seu principal acceso xunto á ponte sobre o río Louro na Veiga, en pleno Camiño de Santiago. Parte do seu traxecto coincide co do propio camiño portugués, pasando por lugares coma a capela da Virxe do Camiño ou a Ponte das Febres. Pero tamén transcorre polo pontillón do Louro e o Lagartón, enlazando coa senda que foi tamén habilitada este verán.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou que este novo sendeiro súmase as sendas xa existentes dentro do proxecto integral das sendas do Miño e dos seus afluentes polo que se ten apostado dende o goberno local. Bríndanse así, en palabras de Enrique Cabaleiro, novos espazos a percorrer tanto para os propios tudenses coma para os que nos visitan. Pola súa parte o concelleiro de Medio Ambiente, José Martínez Tato, explicou que a senda toma o seu nome do seu paso pola Pedra Santa, un penedo do que a lenda dí que saíu a imaxe da Virxe do Camiño. Precisamente nos carteis colocados recóllese esa lenda en galego, castelán e inglés.
Sem comentários:
Enviar um comentário