As persoas que participen nas 17 accións formativas enmarcadas en ambos proxectos obterán o certificado oficial de profesionalidade de -Creación e xestión de microempresas-
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar os expedientes de contratación, mediante procedemento aberto, para a prestación do servizo de formación de persoas emprendedoras no marco do proxecto Depoemprende 2017 da convocatoria do fomento do autoemprego, así como tamén para a formación enmarcada no proxecto Depoemprende II para impulsar o emprendemento xuvenil, ambos cofinanciados polo Fondo Social Europeo. O importe total que achega o goberno provincial a esta formación ascende a preto de 280.000 euros co obxectivo de reducir o desemprego mediante proxectos que fomenten a creación de emprego e o emprendemento, tanto a través de accións de formación como de asesoramento, entre outras moitas, que permitan ás persoas participantes desenvolver competencias emprendedoras.
As persoas participantes, tanto nos cursos do programa Depoemprende 2017 como Depoemprende II, recibirán formación apta para a consecución do certificado oficial de profesionalidade ADGD0210 "Creación e xestión de microempresas", do módulo MF1788-3 de "Planificación e iniciativa emprendedora en pequenos negocios e microempresas". Máis polo miúdo, os cursos terán unha duración de 144 horas durante as cales se impartirán contidos transversais en técnicas, ferramentas e metodoloxías áxiles e innovadoras para o emprendemento como Desgin Thinking e Lean Startup (20 horas), detección de oportunidades vencelladas ao perfil profesional (4 horas), actitude emprendedora e oportunidades de negocio (40 horas), proxecto e viabilidade do negocio ou microempresa (40 horas) e marketing e plan de negocio da microempresa (40 horas).
Depoemprende 2017 oferta 120 prazas para todas as persoas desempregadas da provincia, dando prioridade ás menores de 30 anos, ás mulleres, aos maiores de 45 anos, persoas con algunha diversidade funcional ou persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social. A través deste proxecto impartiranse un total de oito accións formativas en seis localizacións da provincia: dúas en Pontevedra e Vigo, e unha en Tui, Vilagarcía e Barro-Meis. Estes cursos formativos, aos que a institución provincial achegará un máximo de 117.232 euros, teñen por obxectivo mellorar as capacidades das mozas e mozos que queiran ser emprendedores e emprendedoras, achegándolles formación e asesoramento e, por outro lado, loitando contra o despoboamento do medio rural da nosa provincia fomentando a igualdade de oportunidades no acceso á formación.
Pola súa banda, Depoemprende II oferta 135 prazas e está destinado a persoas desempregadas menores de 30 anos. A través deste proxecto impartiranse nove accións formativas: dúas en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa e unha en Cangas, Porriño e Ponteareas. Xunto a estas accións, ás que a institución provincial achegará 158.886 euros, tamén se levará a cabo un taller de motivación e promoción do emprendemento en cada unha das localizacións no que poderán participar ata un máximo de 150 persoas.
Os programas Depoemprende 2017 e Depoemprende II teñen un orzamento total de preto dun millón de euros para a promoción da cultura do emprendemento. En concreto, Depoemprende 2017 conta cun orzamento de 393.129 euros e Depoemprende II 552.235,93 euros.
in Infominho
Sem comentários:
Enviar um comentário