Ás 9h sairá a proba de 25 quilómetros e ás 9.30h a de 15 quilómetros dende o complexo deportivo da Macoca
Este domingo, 30 de abril, celébrase o II Trail Monte Aloia organizado pola Asociación Cultural Virxe da Dores. Esta proba deportiva contará con 242 participantes chegados principalmente dende a provincia de Pontevedra, pero tamén dende Lugo, A Coruña, e Ourense, así coma dende As Palmas.
Esta proba foi presentada esta mañá na casa do concello de Tui polo concelleiro de Deportes e Turismo, Laureano Alonso, xunto a José Villaverde e Rafael Estévez, membros da organización.
O II Trail Monte Aloia constará de dúas probas un trail de 25 quilómetros e un minitrail de 15 quilómetros. Os 97 participantes no trail sairán ás 9h dende as instalacións deportivas da Macoca, e media hora despois tomarán a saída os 145 inscritos no minitrail. Dende o punto de saída subirán ata o cumio do Aloia, pasarán polo castro do Alto dos Cubos, os muíños do río Tripes, parte da senda Cabana-Cabaciña, Rebordáns, muíños de Paredes, e volverán pola ladeira leste do monte. Os primeiros participantes no minitrail estímase que farán un tempo de hora e media, mentres que os primeiros que realicen o trail investirán algo máis de dúas horas e cuarto. A entrega de premios está prevista para ás 12.30h para a categoría absoluta e de veteranos.
José Villaverde explicou que este ano realizaron algunha pequena modificación no percorrido nunha proba, que tras o éxito do ano pasado cando tiveran 190 inscritos, agardan que se converta en todo un referente na zona.
O concelleiro de Deportes e Turismo, Laureano Alonso, felicitou aos membros da Asociación Cultural Virxe da Dores pola organización desta proba deportiva que en boa parte transcorre en territorio do Parque Natural do Monte Aloia. Apuntaba amais coma o deporte e o turismo teñen que ir da man e coma este tipo de probas contribúen a dar a coñecer o municipio de Tui.
Sem comentários:
Enviar um comentário