No mesmo acto entregarse a medalla de honra da cidade a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe
O Teatro Municipal de Tui acolle este sábado, 15 de abril, ás 19.30h o acto oficial de comezo das festas de San Telmo coa lectura do pregón a cargo de Dolores Balseiro Pose, profesora de Literatura durante tres décadas no IES San Paio de Tui, membro da Asociación Amigos da Catedral e parte activa da vida social e cultural tudense.
No mesmo acto farase entrega da medalla de honra da cidade na súa calidade de ouro ao exconselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, recoñecendo o seu papel fundamental na creación do Xacobeo e na revitalización do Camiño Portugués, así coma as achegas que os distintos departamentos que dirixiu na Xunta de Galicia realizaron en Tui con investimentos destacados coma a restauración do órgano da Catedral ou da Área Panorámica.
A intervención do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Cultura, María José González, serán outros dos momentos deste solemne acto, no de que forma simbólica se entregará a bandeira de Tui a un representante das asociacións culturais e outro dos clubs deportivos do municipio. A parte musical do evento correrá a cargo do grupo Contradicción.
Unha vez rematado este evento, ás 20.30h, na Sala de Exposicións Municipal será inaugurada a mostra “Fotografía antiga de Tui San Telmo 2017” que este ano constitúe unha homenaxe e recoñecemento aos empresarios e industriais tudenses a través das imaxes de distintos comercios, empresas, establecementos que houbo en Tui. Precisamente estas fotografías son recollidas no libro das festas de San Telmo deste 2017 xunto a artigos de estudosos e xornalistas sobre o Camiño Portugués a Santiago, que poñen de relevo e reivindican a súa importancia. O libro poderá recollerse na propia exposición o sábado, ou a partir do luns 17 na casa do concello a cambio dun quilo de alimentos que será doado posteriormente a SOS Tomiño Baixo Miño.
O programa de festas do sábado, 15 de abril, continuará ás 21h co desfile de xigantes e cabezudos acompañados polo grupo de gaitas Santa Columba de Ribadelouro dende a praza da Inmaculada ata a Área Panorámica, onde se procederá ao acendido do alumeado das festas. Pechará a programación o concerto que o grupo Mago de Oz ofrecerá a partir das 22h na rúa Compostela con entrada de balde.
Amais no eido deportivo dende primeira hora disputarase nos pavillóns do IES San Paio e Novo de Tui o II Torneo Cidade de Tui de Fútbol Sala.
Sem comentários:
Enviar um comentário