Balance moi positivo das festas de San Telmo 2017 que onte remataron e que ao longo de dez días ofreceron un amplo abano de actividades para todos os públicos. O equipo de goberno de Tui amosa a súa satisfacción polo bo desenvolvemento das festas, organizadas por segundo ano dende o Concello, así coma pola boa acollida por parte do público que participou nos distintos actos previstos, no que o bo tempo acompañou ao longo de toda a semana.
Unhas festas que comezaron xa o sábado 15 cun case cheo total no Teatro Municipal na lectura do pregón a cargo de Dolores Balseiro, e cun acto de homenaxe a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe. Esa mesma noite o concerto de Mago de Oz, encheu a rúa Compostela de público chegado de toda a provincia. A aposta do goberno municipal polos concertos iniciada este ano contou cunha excelente resposta de público tanto neste primeiro evento, coma nos que ofreceron Fillos do Estramonio, Batemento, Pelepau e 6Tas9 que encheron cada noite as rúas onde actuaron. O mesmo aconteceu coas verbenas que ateigaron tanto o Paseo da Corredoira coma a rúa Compostela.
O Teatro Municipal Tui que, amais do acto inaugural das festas acolleu tamén o festival folclórico de San Telmo e a IX Semana de Teatro Afeccionado, rexistrou nas súas butacas máis de 3.600 espectadores. Mentres máis de 1.200 cativos participaron nas actividades infantís celebradas de luns a venres polas mañás e nas proxeccións de cine realizadas cada tarde.
Xa na fin de semana grande das festas foron miles de persoas as que se achegaron ata Tui para disfrutar das distintas actividades previstas con animación de rúa, carreira popular de San Telmo, Copa de fútbol veterano, concentración de coches clásicos, …
O luns, festivo local en Tui e día de San Telmo, dende primeira hora centos de persoas se achegaron ata a Feira Cabalar en San Bartolomeu, acudindo ao longo da xornada aos distintos actos previstos con concertos da Banda de Música Popular de Tui e da Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín. A media tarde a cidade recibía a miles de tudenses e visitantes que presenciaron ou participaron na procesión de San Telmo e despedían as festas coa verbena e coa tirada de fogos de artificio.
Dende o equipo de goberno quérese amosar o agradecemento a todas as persoas que fixeron posible estas festas, dende os traballadores municipais dos distintos departamentos, ata as distintas agrupacións, asociacións, orquestras que participaron nos festexos. Así coma as forzas de seguridade, nomeadamente á Policía Local de Tui, con colaboración de efectivos de Tomiño e O Porriño, que velaron polo bo desenvolvemento dos festexos.
Sem comentários:
Enviar um comentário