Celebrarase do luns 17 ao sábado 22 no Teatro Municipal de Tui
Por noveno ano consecutivo coincidindo coas festas de San Telmo celébrase a Semana do Teatro Afeccionado na que os 60 actores dos seis grupos participantes serán os responsables cada tarde de levar a escena distintas obras teatrais, nunha aposta pola teatro amador que ten colleitado unha gran acollida por parte do público. Así o destacou esta mañá na presentación desta iniciativa a concelleira de Ensino e Cultura, María José González, que compareceu xunto aos representantes dos seis grupos que actuarán este ano do 17 ao 22 de abril. María José González quixo agradecer o labor que a prol do teatro se realiza dende as distintas asociacións culturais tudenses, así coma a súa participación activa tanto durante as festas patronais coma noutros eventos ao longo do ano.
A IX Semana de Teatro Afeccionado comezará o próximo luns, 17 de abril, ás 21.15h no Teatro Municipal de Tui coa estrea de “Médico á forza” de Moliere por parte do grupo de teatro Santiago de Malvas. Unha obra con 65 minutos de duración na que actuarán 8 persoas dando vida aos distintos personaxes segundo explicaron Inma Rodríguez e Nerea González. O martes será a quenda do grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis que recolle a historia dunha familia en “Claro e Clara non se aclaran” nunha posta en escena con 8 actores segundo apuntou Miguel Pazo. Marita Giráldez do grupo de teatro Chrilomirlo de Randufe explicou que o mércores coa representación e estrea de “Gran Circo Randulfini” buscarán interactuar co público, engadindo que entre os doce actores hai tres novas incorporacións, entre eles Alberto Sánchez, presente tamén hoxe. O grupo San Fins de Rebordáns estreará o xoves “O Indiano” nunha montaxe con 16 actores que segundo Susana Barro e Yonatan Soliño está protagonizada por un home supostamente rico que chega das Américas. O venres será a quenda do grupo Atalaia do Centro Sociomunitario de Tui que unha década despois volver representar “A Lotería” tal e coma precisou Carmen Álvarez ‘Melo’. A semana pecharase o sábado coa estrea de “A herdanza de Dona Urraca” co grupo de teatro Mesturanzas de Areas, trátase dunha obra escrita pola directora do grupo, Mónica Vilar, coma apuntaron Ubaldo Estévez e Tomás Alonso, membros do grupo.
As representación de luns a venres serán ás 21.15h e o sábado ás 20.15h. As entradas terán un prezo de 1,5€ e poranse á venda media hora antes do comezo da función.
Sem comentários:
Enviar um comentário