domingo, 15 de dezembro de 2019

Os Bombeiros Voluntarios de Tui

Ao longo deste ano 2019 os Bombeiros Voluntarios de Valença celebran o centenario da súa creación e o Concello de Tui, xunto ao Confraría de San Telmo, se teñen sumado a esta efeméride con senllos actos de recoñecemento o pasado novembro.
Os bombeiros valencianos están intimamente ligados á memoria colectiva dos tudenses que atoparon sempre neste corpo o auxilio preciso, superando as fronteiras administrativas e patentizando a perenne interrelación que existe entre valencianos e tudenses. Xa no ano 1934 a Liga de Amigos de Tui, que impulsaba Rosendo Troncoso, homenaxeou aos bombeiros de Valença polos “abnegados” servizos prestados. Trinta anos despois, en 1964, a homenaxe é máis ampla ao proceder dos concellos de Tui, O Porriño, Oia, Salceda de Caselas, Tomiño e O Rosal que xuntamente coas cidades de Vigo e Pontevedra expresan a súa gratitude e admiración polos altruístas bombeiros de Valença.
Finalmente en 1990 o Pleno da Corporación Municipal tudense acordou nomealos como “Fillos adoptivos” de Tui e concederlles a medalla de ouro da cidade, as dúas máis altas distincións que pode conceder o Concello. Un recoñecemento novamente expresado, hai escasos días, coa entrega dunha gravata de honra á Associaçao Humanitaria de Bombeiros Voluntarios de Valença.
Non é propósito deste post detallar as innumerables actuacións que ao longo deste século teñen protagonizado os bombeiros valencianos en Tui e a súa contorna, salvando tantas vidas e protexendo tantos bens e propiedades. Incendios de grandes dimensións como o da fábrica de pneumáticos Cam-Fran ou da casa consistorial de Porriño, ambos en 1976, fican sempre na memoria de todos nós, pero tamén múltiples lumes en vivendas onde a sirena dos bombeiros valencianos era a esperanza de evitar maiores desgrazas, pois ata 2007 os únicos corpos de bombeiros que existían eran os de Valença e de Vigo. Neste ano comeza o funcionamento o Parque Comarcal existente no polígono das Gándaras que da servizo a toda a comarca da Louriña, Condado e Baixo Miño.
Tamén a cidade de Tui contou cun corpo de Bombeiros Voluntarios impulsado por unha sociedade creada no ano 1904 e que durante varias décadas desenvolveu unha altruísta misión de protección civil aos cidadáns tudenses.
Ata daquela existía xa un pequeno corpo de bombeiros promovido polo concello tudense que, por exemplo, en 1892 estaba integrado por catro persoas. Con motivo do pasamento dun deles, José Novás, o Concello requírelle aos outros tres (Antonio Coto de San Bartolomeu, Diego Míguez de Randufe e Agustín Estevez de Pazos de Reis) que residan “dentro de la ciudad (...) por que a la distancia a que se hallaban no era posible acudir con la rapidez necesaria a prestar los primeros auxilios en cualquier caso de desgraciado”. Ao non aceptar esta esixencia municipal foron substituídos por residente na cidade: Balbino González, latoeiro residente na rúa San Telmo, Manuel González tamén latoeiro, Juan Antonio Crespo, “licenciado del Cuerpo de Infanteria de Marina, con instrucción y de oficio zapatero”, e o tamén zapateiro, Enrique Alonso Varela. Este Corpo de Bombeiros vai ter sempre dificultades pois as arcas municipais tudenses nunca estiveron sobradas de recursos senón moi habitualmente todo contrario, e cobraran unha gratificación polos servizos que prestaban complementando así os seus ingresos.
En agosto de 1904 crease unha Sociedad de Bomberos Voluntarios impulsada polo avogado tudense Manuel Pino Sánchez, xunto co industrial Venancio Lorenzo Álvarez amais de Prudencio González Martínez, Isolino Fernández, Laureno Alfaya, Antonio Rodríguez, Raimundo Barreira e P. Álvarez. Todos eles asinan un escrito ao Concello comunicando a creación da Sociedade, expresando a súa preocupación polo abandono en que tan importante servicio se haya hoy e solicitan a cesión do material de incendios que posuía o municipio e unha subvención para o seu funcionamento que pueda detraerse ya de lo consignado actualmente en presupuestos para sueldo y material del Cuerpo Municipal de Bomberos.  A sede desta Sociedade está na rúa Colón 8 (na actual rúa Augusto González Besada, pois daquela a rúa Colón chegaba ata a Corredoira ou Paseo de Elduayen).
No seu regulamento esta Sociedade está integrada por:
-     - Socios honorarios
-    - Accionistas, propietarios de accións desta Sociedade e que pagarán unha cota mensual de cincuenta céntimos.
-     - De número, cunha cota de entrada de cinco pesetas e a mensual de cincuenta céntimos
-    - Obreiros, serán os que se inscriban como voluntarios, e terán opción de pagar ou non a referida cota, pero terán a consideración de socios de número.
-     - Eventuais, residentes temporais na cidades que satisfagan a cota mensual.
Conservase no Arquivo Municipal tudense un borrador de Regulamento deste Corpo de Bombeiros Voluntarios que establece unha estrutura organizativa integrada por dúas seccións con igual número membros cada unha: un servizo de altura e un servizo de rúa. Haberá un xefe, a quen corresponde a dirección general de todo el servicio. Na súa ausencia o substituirá un subxefe. Haberá como persoal práctico un maquinista e un axudante de maquinista, un boquillero e un axudante, tres cabos e dous cornetas.
Igualmente está prevista a existencia dun conserxe encargado da vixianza e aseo de todo o material el cual habitará permanentemente en el local, disfrutará la gratificación que se acuerde en Junta General
O mesmo regulamento establece que todos los cargos de este cuerpo serán honorarios y solo tendrán derecho de los individuos que le forman a los premios o mercedes (...) habrá premios de pronta comparecencia para los que sean primeros en presentarse en el local de la sociedad en caso de incendio. Estos premios consistirán en dinero y mención honorífica. Se abonarán en la medida de las fuerzas de la Sociedad las horas de trabajo que de día empleen en la extinción de los incendios, los hombres que sean obreros, siempre que los maestros llegasen a hacerle algún descuento.
Unha das principais misións encomendas a este Corpo de Bombeiros Voluntarios figura tamén no devandito regulamento: Asistirán al teatro siempre que haya espectáculo seis bomberos incluso un cabo o sustituto en previsión de caso de incendio, esos bomberos serán designados en turno riguroso por el jefe, el cual les facilitará un pase autorizado por el secretario, que llevará nota del turno.
Coñecemos os nomes dos responsables do servizo
Jefe: D. Juan Cachafeiro
Maquinista: D. Laureano Alfaya
2º maquinista: D. Raimundo Barreira
Boquillero: D. Isolino Fernández
2º boquillero: D. Antonio Rodríguez
Cabos: José Martínez Alfaya, José Novoa e Benjamín Alonso.
Cornetas: Jesús Vega, Prudencio F. Martínez e Rodolfo González
Na sesión de 1 de agosto de 1904 o Pleno do Concello toma en consideración a solicitude da referida comisión organizadora do Corpo de Bombeiros Voluntarios, que solicitan a cesión do material propiedade do Concello a cambio dos servizos gratuítos daquel agrupación, pasando o tema a estudo da Comisión de incendios do Concello.  Na seguinte sesión do Pleno de 8 de agosto se establecen os términos da cesión que logo referiremos. Na sesión de 29 de agosto a Comisión de Incendios presenta o seu informe positivo para a creación deste Corpo de Bombeiros e a entrega do material. Esta Comisión estaba integrada por Sabino Jurado, Juan González Martínez, Camilo Cela y Nicolás Míguez. Nesa mesmo sesión o alcalde propuso subvencionar a la expresada agrupación con lo consignado en el presupuesto para el que, desde luego, se reputaría disuelto el Cuerpo de bomberos del municipio, y al propio tiempo con el importe de lo que en inquilinato produgese el local en que actualmente se guarda el material.
Entre a documentación conservada está o inventario do material que entrega o Concello de Tui aos responsables da Xunta Directiva interina desta Sociedade en setembro de 1904. Na correspondente acta se recollen diversas obrigas que establecen os responsables municipais:
-        - Conservar en perfecto estado o material entregado correndo a cargo da Sociedade o seu mantemento e conservación
-        - La Sociedad se proveerá del material faltoso, en relación al que precise y modernos adelantos; vien entendido que si la adquisición supone mayor gasto, a juicio del Ayuntamiento habrá de contribuir éste con la cantidad que acuerde
-          - O Concello reservase o dereito a retirar o material cando o estime oportuno
-         - Dereito do Alcalde ou o seu representante a intervir en todos os actos da Sociedade, o seu réxime interno e a inspección do material
-          - O Concello subvencionará á Sociedade coa achega que se acorde oportunamente
Aceptadas estas condicións se entrega o seguinte material:
-        Una bomba con una placa de latón, dos farolas para la misma, una cubierta de mahón
-        Un carro depósito para agua deteriorado
-        Un tercio de manga de lona de nueve metros; otro id. Id. muy viejo; otro id. id. de cuero de un metro cuarenta para extraer agua del depósito
-        Tres enchufes de latón con rosca y seis ligaduras para mangas
-        Nueve tercio de cuerda de cañamo de diez metros sesenta cada uno
-        Un porta boquillas, con dos boquillas de latón
-        Un porta mangas, dos llaves para tuercas y tres hachas deterioradas
-        Ocho cintos con chapa de latón y uno sin ella; doce cascos deteriorados; doce blusas de mahón id., doce perchas dobles de hierro y un caldero de hierro galvanizado
Asinan esta cesión por parte municipal Manuel Fernández Valdés, primeiro tenente de alcalde, Sabino Jurado, terceiro tenente de alcalde e os concelleiros Juan González Martínez, Nicolás Míguez Salinas e Camilo Cela Fernández. Da outra parte os membros da Xunta Directiva: Manuel Pino, Raimundo Barracina, Laureano Alfaya, Aurelio Álvarez, Prudencio González Martínez e Luis (ilexible)
(...) Este Corpo de Bombeiros Voluntarios seguía funcionando en 1928.  A súa principal dedicación era o denominado “servicio de teatros”, pois un retén de bombeiros, de tres persoas, asistía aos espectáculos no Teatro Principal ou noutros locais da cidade. Un servizo que facturaban ao Concello tudense, ao que tamén informaban das deficiencias do Teatro, daquela propiedade da empresa Fraga. Pero a situación desta agrupación era deficiente, así nun escrito 4 de marzo de 1928  manifestan: devido a la situación anormal que atraviesa la clase trabajadora y, en especial, los que constituyen este pequeño cuerpo de Bomberos a V. clamamos para pudiese de ser no eche en olbido lo que la Corporación anterior tenía destinado a este fin que es lo siguiente:
1.- Concedermos una pequeña gratificación mensual conforme el presupuesto acordado por la anterior Corporación
2.- Que la Comisión nombrada por ese Excmo Ayuntamiento se encargue de entre ellos nombrar un depositario (ó) contador para que desde hoy se encargue de recoger el dinero de los espectáculos públicos, como asi mismo hacer el reparto a fin de mes y no tan solo eso sino que este pequeño cuerpo pretende dar una serie de espectáculos con la protección de esa digna Corporación para ber de recaudar fondos para colocar la Bomba vieja (ó) sea la municipal en un chasis. O escrito está asinado por un representante da Comisión, Maximino Rezen, e os bombeiros Manuel Mendez, Emilio Moldes e Juan Yañez.
Descoñecemento cando os Bombeiros Voluntarios desaparecen na nosa cidade, pois nos anos corenta existía de novo un servizo municipal de bombeiros que chega ata os anos sesenta. Por exemplo en 1961 o xefe de bombeiros era José Alonso Rodríguez, enfermo crónico, e os bombeiros Laureano Moldes Freiria, Manuel Varela Pérez, Modesto Capón Rosés e Abilio Carballo Álvarez, todos con mais de 57 anos de idade o que imposibilitaba un correcto desempeño das súas funcións.
Con estas notas soltas que recollen diversas noticias ao longo do tempo documentamos a existencia na nosa cidade, en liña con moitas cidades da Península, dun corpo de Bombeiros Voluntarios nos primeiros anos do século XX amosando a vitalidade da sociedade tudense que foi capaz de soster durante varias décadas este servizo altruísta e xeneroso.
in Tudensia

Sem comentários:

Enviar um comentário