O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, realiza dende hoxe e ata o próximo martes, 23 de maio, unha viaxe institucional a Bos Aires para participar nos actos organizados co gallo do centenario da Casa Tui-Salceda na capital arxentina. Tamén participa nesta visita o alcalde de Salceda, Marcos Besada.
O 21 de maio de 1917 fundouse a “Casa de Tui” que en 1975 pasaría a fusionarse co Centro de Protección Agrícola do Distrito de Salceda, que se creara en 1913.Dende entón a denominación oficial pasou a ser Asociación Mutual, Cultural e Recreativa “Tui e Salceda.”
Segundo o programa previsto mañá farán un percorrido polo Congreso da Nación, o Colexio Santiago Apóstolo, e o Centro Galego en Bos Aires, onde se celebrará unha homenaxe a Rosalía de Castro. Ás 18 hora local na Legislatura Ciudad de Buenos Aires celebrarase un acto no que se declarará aos rexedores de Tui e Salceda Hóspedes de Honra da cidade. Xa o sábado haberá un encontro cos presidentes das institucións galegas e o domingo con tudenses e salcedenses de Bos Aires.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou a importancia que tivo no seu día a Casa Tui-Salceda con máis de 130 mil socios, contando na actualidade con máis de 10 mil. Ao tempo destacou o labor que realizan para seguir mantendo vivas as raíces, as nosa cultura e as nosas tradicións ao outro lado do Atlántico, sen esquecer o importante papel que desenvolveron no seu día dende a emigración.
Sem comentários:
Enviar um comentário