Haberá unha véntena de postos das librarías Espazo Lector Nobel, Iris e Valverde e diversas actividades ao longo do día
O Paseo da Corredoira acollerá o próximo mércores, 17 de maio, a XX Feira do Libro Galego na que terá protagonismo destacado Carlos Casares, autor a quen a Real Academia Galega dedica este ano o Día das Letras Galegas. Haberá unha vintena de postos a cargo das librarías Espazo Lector Nobel, Iris e Valverde, así coma un amplo programa de actividades con actuacións musicais, contacontos e obradoiros nunha xornada de promoción da literatura e a lectura na nosa lingua.
A feira foi presentada esta mañá polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Ensino e Cultura, María José González, Pilar Fernández de Iris, Javier Oliveira de Espazo Lector Nobel e Maruchi Vázquez de Librería Valverde.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalou que dende a administración local débense levar adiante iniciativas para incentivar a cultura e o consumo de libros, salientando que é responsabilidade de todos a promoción da lectura entre os máis pequenos.
A concelleira de Ensino e Cultura, María José González, explicou que na Corredoira haberá vinte postos das librarías Espazo Lector Nobel, Iris e Valverde. Tamén neste paseo poderán verse os paneis sobre Carlos Casares realizados polos centros escolares tudenses, así coma unha cronoloxía do autor homenaxeado realizada polo IES San Paio. Amais haberá unha exposición de “Maios” que elaboraron os escolares, na praza da Inmaculada. Co gallo desta XX Feira do Libro Galego, apuntou que, se editaron 5 mil marcapáxinas nos que se inclúe a programación a desenvolver o 17 de maio que serán distribuídos nos colexios e na propia feira.
Pilar Fernández da Libraría Iris apuntou que esta feira ten un carácter especial ao chegar a súa vixésima edición. A obra de Carlos Casares, sobre todo cunha ampla oferta de literatura infantil, centrará boa parte dos libros que presenten, onde tamén haberá oco para as últimas novidades editoriais, e os libros do ilustrador Xosé Tomás. Maruchi Vázquez da Libraría Valverde convidou a achegarse á feira e coñecer todo o que nos ofrece a literatura galega, sendo esta actividade un gran escaparate dos libros publicados en galego. Javier Oliveira de Espazo Lector Nobel explicou que presentarán máis de 400 títulos de 36 editoriais con presenza especial para Carlos Casares pero tamén unha achega de libros de ciencia ficción en galego e de clásicos do pensamento editados pola Universidade de Santiago. Tamén haberá unha pequena escolma de libros en portugués.
A feira será inaugurada ás 11h polo ilustrador Xosé Tomás. Están previstas diversas actuacións musicais ao longo do día do grupo de pandereteiras As Dabadía de Caldelas, a Coral Ponte das Febres de Ribadelouro, o grupo O Mosteiro de Pexegueiro, o grupo Saragana da Asociación X.C. do Traxe de Tui, e da Coral do Centro Sociocomunitario de Tui. Os máis pequenos poderán participar nos obradoiros “A Galiña Azul” de 11.30h a 13.30h e de marcapáxinas “Imaxina e crea” de 17 a 19h. Haberá dúas sesións de contacontos ás 12h con Fran Rei coa “A Galiña Azul” e ás 18.30 h con Daboapipa baixo o título de “Contos e lerias”. Ás 19.30 h está previsto o espectáculo de circo de rúa “Manualidades” con Manu Lago. A Radio Municipal de Tui fará un programa especial en directo dende a feira entre ás 11 e ás 13h.
XX Feira do Libro Galego
Data: Mércores, 17 de maio de 2017
Lugar: Paseo da Corredoira
20 postos das librarías Espazo Lector Nobel, Iris e Valverde
Exposición de “Maios” e de paneis sobre Carlos Casares realizados polos centros educativos tudenses.
Programa:
Ás 11.00 h Apertura a cargo de Xosé Tomás
Ás 11.10 h Grupo de pandereteiras As Dabadía de Caldelas
Ás 11.30 h Coral Ponte das Febres
De 11 a 13 h Emisión especial en directo da Radio Muncipal de Tui
De 11.30 h a 13.30h Obradoiros “A Galiña Azul” con Chirlomirlo
Ás 12.00 h Contacontos con Fran Rei “A galiña azul”
Ás 13.00 h Grupo folclórico “O Mosteiro” de Pexegueiro
De 17 a 19 h Obradoiro de marcapáxinas “Imaxina e crea” dirixido a nenos de 4 a 14 anos
Ás 17.30 h Grupo Saragana da Asociación X.C. do Traxe de Tui
Ás 18.30 h Contacontos coa Daboapipa “Contos e lerias”
Ás 19.30 h Circo de rúa con Manu Lago “Manualidades”
Ás 20.30h Coral do Centro Sociocomunitario de Tui
Na praza da Inmaculada exposición de maios realizados polos centros educativos tudenses. Cronoloxía sobre a figura de Carlos Casares realizada polo IES San Paio. Carteis sobre Carlos Casares realizados polos distintos centros educativos.
Sem comentários:
Enviar um comentário