Mañá mércores, 31 de maio, a partir das 08.00 horas, dende o aparcamento dos centros municipais de remo e piragüismo de Tui, na rúa Olímpicos Tudenses, a carón do río Miño, terá lugar a saída do XVI Concurso de Patrullas da Brigada “Galicia” VII (BRILAT) do Exército de Terra. Ás 21 patrullas participantes realizarán os 120 quilómetros do Camiño Portugués de Santiago entre Tui e Compostela.
Participarán dez patrullas da BRILAT, dúas patrullas da Brigada “Aragón” I, así coma unha patrulla das brigadas “Guzmán El Bueno” X, a Lexión (BRILEG), “Extremadura” XI, da Brigada Paracaidista (BRIPAC), do Rexemento de Artillería de Campaña nº11 (RACA 11), do Terzo Norte da Infantería de Mariña, do Terzo de Armada da Infantería de Mariña, do Grupo de Seguridade da Agrupación do Cuartel Xeral do Exército do Aire (GRUSEG), e unha patrulla do Ejército portugués.
Dende ás 8h farase cada dous minutos a saída dunha patrulla para completar os 120 quilómetros entre Tui e Santiago de Compostela, realizando ao longo do percorrido sete probas: un percorrido topográfico, unha proba de tiro de precisión, o paso da pista de obstáculos, unha baixada facendo rápel, o paso do río Lerez nadando, lanzamento de granadas e percorridos cronometrados. Cada patrulla recibe a credencial do peregrino que deben ir selando ao longo do percorrido para acreditar ante a Oficina do Peregrino que realizaron o Camiño e obter así a Compostelana.
A proba rematará o venres 2 co acto de clausura e entrega de premios do concurso de patrullas Tui-Santiago na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, ás 11.00 horas, asistindo a continuación á misa do Peregrino.
Sem comentários:
Enviar um comentário