A cidade de Tui acollerá nesta fin de semana diversas visitas guiadas a elementos do patrimonio cultural tudense co gallo da celebración, por segundo ano consecutivo, das Xornadas Europeas de Patrimonio.
Estas Xornadas Europeas de Patrimonio son unha acción conxunta do Consello de Europa e da Comisión Europea. Celébranse cada ano nos 49 estados sinatarios co Convenio Cultural Europeo entre os meses de agosto e novembro. Dende hai 15 anos estas Xornadas ofrecen a posibilidade de celebrar a unidade e diversidade dun patrimonio cultural común, que nos identifica a todos os europeos. En España a coordinación destes eventos corre a cargo do Ministerio de Cultura. En Galicia é unicamente o Concello de Tui quen se ten sumando a esta iniciativa que noutras comunidades autónomas posúe unha longa tradición e reúne un amplo programa de actividades.
Para o Concello de Tui a celebración destas Xornadas, como as recentemente celebradas sobre a cultura xudía, teñen como obxectivo a posta en valor do noso patrimonio, promover os seu coñecemento, respecto e conservación. Deste xeito, como sucedeu o pasado ano coa muralla medieval conservada no convento das Encerradas, este ano unha das visitas realízase a un espazo de grande interese artístico, normalmente sen acceso do público: o triforio da Catedral. Consiste nunha liña de ventás situadas sobre as naves laterais e que datan de época románica.
As outras visitas están vinculadas á celebración do “Ano Xosé María Álvarez Blázquez”, de deste xeito na xornada do domingo se visitará o xacemento castreño de “Cabeza de Francos” (na parroquia de Pazos de Reis) que foi escavado por Xosé María Álvarez Blázquez xunto ao grupo “Ultreya” que dirixía Manuel Fernández Costas. Xa pola tarde o percorrido desta Xornadas remata na igrexa de San Domingos, unha das xoias do patrimonio tudense. Neste lugar e no convento anexo fundou Álvarez Blázquez o primeiro museo de Tui.
Coa celebración destas xornadas europeas de patrimonio o Concello de Tui, segundo manifestou o concelleiro de cultura tudense –Moisés Rodríguez Pérez- no acto de presentación celebrado esta mañá, segue apostando pola difusión e posta en valor do noso patrimonio promovendo a sensibilización social pola súa conservación. O éxito de público nas xornadas celebradas na primeira fin de semana ao abeiro da “Xornada da cultura xudía” evidencian a demanda social e o interese dos veciños por achegarse ao coñecemento do noso conxunto patrimonial.
Pola súa banda o Alcalde tudense, Antonio Fernández Rocha, salientou o feito de que Tui sexa a única localidade de Galicia que se suma a esta iniciativa de difusión do patrimonio, evidenciando o seu interese pola súa conservación e difusión ao tempo que agradeceu a todos os que colaboran nesta iniciativa o seu interese pola mesma.
Sem comentários:
Enviar um comentário