Acolleu 70 actividades 20 delas da programación oficial. O 45% das entradas vendéronse por internet
O Teatro Municipal de Tui abriu as súas portas o pasado ano un total de 55 días acollendo 70 actividades ás que asistiron máis de 22.500 usuarios. Dende que este espazo abriu as súas portas hai 7 anos e 9 meses pasaron polas súas butacas xa máis de 172.500 persoas.
Do total de espectáculos celebrados no Teatro 20 foron funcións organizadas integramente polo concello coa colaboración de AGADIC. As mesmas asistiron 5.279 usuarios cunha media de 293 persoas por función, superando a cifra rexistrada o ano pasado, e continuando a liña ascendente marcada nos últimos tempos que ten situado a este espazo nos primeiros postos en número de espectadores a nivel galego. O investimento realizado nesta programación polo concello non chegou aos 28 mil euros.
No que se refire a programación cultural hai que salientar en primeiro lugar a gran resposta obtida polos nenos e nenas nos espectáculos infantís nos que se rexistrou unha media de 324 espectadores por función. Houbo 8 representacións cun total de 2.524 persoas que asistiron coma público. Nalgúns deles coma o de Aracaladanza, “Os Bolechas” ou “Bicharada” colgouse o cartel de completo.
Na programación para adultos realizáronse 10 función que tiveron 2.685 espectadores o que da unha meda de 268 persoas por espectáculo. Compre salientar aquí que as unidades de produción da Xunta de Galicia, é dicir o Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego, elixiron Tui entre os 10 espazos onde exhibiron as súas producións “As actas escuras” e “Etheria, a viaxe soñada”.
A oferta foi variada e incluíu música coma a de Berrogüeto ou da Orquestra de Acordeóns de Bilbao, monólogos coma o de Rober Bodegas – que completou o aforo- , actuacións infantís coma as de Caramuxo Teatro cos Bolechas ou Berrobambán con Bicharada, ou en teatro de adultos a compañías coma Lagarta, Lagarta.
Outro dos puntos a salientar no balance de 2010 é o excelente funcionamento do despacho de billetes electrónico ao través da web www.culturatui.info. O ano pasado produciuse a consolidación desta web xa que o 45% das entradas vendéronse a través deste medio, un 5% máis que en 2009.
Pero máis aló da programación oficial o Teatro acolleu outros eventos coma os Concertos do Conservatorio, actividades organizadas por centros escolares, proxeccións ao abeiro do programa Cinensino, o certame de corais que organiza o Centro Sociocomunitario, ou o de bandas de música que programa a Deputación de Pontevedra. Non podemos esquecer a volta aos escenarios 30 anos despois do grupo de Teatro La Guía, ou actos institucionais coma o organizado pola Cámara de Comercio de Tui. Tamén parte da programación das Festas de San Telmo desenvolveuse no Teatro como a coroación da raíñas, o festival folclórico, a semana de teatro afecionado ou o festival de playbacks.
Dende a Concellería de Cultura, o seu responsable Moisés Rodríguez, quere destacar por unha banda que estas cifras non serían posibles “sen o traballo, a ilusión, e o empeño de todo o departamento de Cultura” e moitas outras persoas que colaboran na realización dos mesmo. E engade que igual de importante é “a resposta do público, xa que sen eles non tería sentido toda esta programación”. Salienta Moisés Rodríguez que “ver as butacas do teatro chegas anima a seguir traballando e confirma que a liña marcada na programación é a correcta”. Quere amais o edil agradecer a “fidelidade” do público tanto de Tui coma dos concellos da contorna e de Portugal que acoden aos distintos espectáculos realizados ao longo do ano. Para este 2011 explica Moisés Rodríguez que o obxectivo é seguir mantendo a aposta pola calidade e por unha programación estable e continua, nese senso avanza que nas próximas semanas será presentada a programación correspondente ao primeiro semestre deste 2011.
Sem comentários:
Enviar um comentário