A Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle mañá mércores 26 de maio ás 20,30 horas un espectáculo do proxecto “Camiños de amor e lúa” que promove o Xacobeo 2010 ao longo de toda Galicia, neste caso trátase dun recital a cargo do poeta Xosé Carlos Caneiro acompañado de Xosé Manuel Salgado na guitarra clásica e acústica.
O fomento da lectura é parte fundamental nas actividades de Xacobeo 2010 a través do proxecto poético e musical “Camiños de Amor e Lúa”, que se pon en marcha coincidindo coa celebración en Galicia do Ano do Libro e da Lectura. Un proxecto que toma o nome do poemario homónimo de Xosé Carlos Caneiro, escritor e columnista de La Voz de Galicia. Camiños de Amor e Lúa comezou na véspera da celebración do Día das Letras Galegas para fomentar o hábito da lectura, amenizar a ruta aos peregrinos e fomentar a cultura literaria galega entre os visitantes e os habitantes das localidades nas que se desenvolverán diversos recitais. Dicía o xenial escritor Miguel de Cervantes Saavedra: “O que le moito e anda moito, ve moito e sabe moito”.
Recital de Amor e Lúa
É a proposta poética de Xosé Carlos Caneiro, unha compilación de máis de cento cincuenta poemas unidos pola temática do amor. O recital xira en torno ao seu poemario “Camiños de Amor e Lúa” (Editorial Biblos). Caneiro recita os seus poemas acompañado polo guitarrista Xosé Manuel Salgado nun espectáculo intimista que achégase ás xentes de Tui.
Mes do Libros
Con este recital poético-musical chega ao remate a programación da Biblioteca Municipal que ao abeiro da denominación de “Mes dos libros” abrangueu os meses de abril e maio, coa celebración do “Día do libro” e do “Día das Letras Galegas” e que ten contado coa celebración de actividades para nenos e mozos, salientan o encontro que mantivo cos seus lectores o escritor Alfredo Gómez Cerdá, premio nacional de literatura infantil e xuvenil 2009.
O concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez, expresa o seu recoñecemento ao Xacobeo 2010 por contar con Tui como un dos fitos dos camiños de peregrinación a Compostela organizando este recital poético-musical.
Sem comentários:
Enviar um comentário