Este sábado dispútase o Trofeo Universitario Eurorrexional de barcos dragón. Este sábado dispútase en augas do río Miño en Tui o Trofeo Universitario Eurorrexional de Barcos Dragón organizado polo Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal.
No mesmo van participar alumnos das universidades galegas de Vigo, Santiago e A Coruña, así coma das portuguesas de Miño, Porto, Tras os Montes e Alto Douro.
O programa previsto para este sábado comeza ás dez da mañá coa recepción das autoridades no Centro Interfederado. Asistirán os reitores das seis universidades participantes, así coma os vicerreitores de cultura e deporte destas universidades. Tamén está previsto que asista o Secretario Xeral para o Deporte, o Secretario de Universidades, o Director do CEER, o Presidente da Federación Galega de Remo, o Presidente da Deputación, o Presidente da Cámara de Valença e o Alcalde de Tui.
Ás 10.30h terá lugar a inauguración do Trofeo de Barcos dragón, seguida dunha visita ás instalacións do club. A competición iniciarase ás 12.15 e a entrega de premios está prevista para ás dúas da tarde.
A regata terá unha lonxitude de 500 metros con saída da Ponte Internacional e chegada fronte ás gradas do Centro Interfederado. Faranse dúas serie eliminatorias con tres embarcacións cada unha, pasando á final A os dous primeiros de cada serie. En cada barco irán doce tripulantes, dos que dez serán padeeiros, un patrón e un marcador. A tripulación será mixta tendo coma mínimo cinco homes e cinco mulleres.
Sem comentários:
Enviar um comentário