quarta-feira, 19 de abril de 2017

Máis de 60 actores de seis grupos actuarán na IX Semana de Teatro Afeccionado San Telmo

Celebrarase do luns 17 ao sábado 22 no Teatro Municipal de Tui
Por noveno ano consecutivo coincidindo coas festas de San Telmo celébrase a Semana do Teatro Afeccionado na que os 60 actores dos seis grupos participantes serán os responsables cada tarde de levar a escena distintas obras teatrais, nunha aposta pola teatro amador que ten colleitado unha gran acollida por parte do público. Así o destacou esta mañá na presentación desta iniciativa a concelleira de Ensino e Cultura, María José González, que compareceu xunto aos representantes dos seis grupos que actuarán este ano do 17 ao 22 de abril. María José González quixo agradecer o labor que a prol do teatro se realiza dende as distintas asociacións culturais tudenses, así coma a súa participación activa tanto durante as festas patronais coma noutros eventos ao longo do ano.
A IX Semana de Teatro Afeccionado comezará o próximo luns, 17 de abril, ás 21.15h no Teatro Municipal de Tui coa estrea de “Médico á forza” de Moliere por parte do grupo de teatro Santiago de Malvas. Unha obra con 65 minutos de duración na que actuarán 8 persoas dando vida aos distintos personaxes segundo explicaron Inma Rodríguez e Nerea González. O martes será a quenda do grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis que recolle a historia dunha familia en “Claro e Clara non se aclaran” nunha posta en escena con 8 actores segundo apuntou Miguel Pazo.  Marita Giráldez do grupo de teatro Chrilomirlo de Randufe explicou que o mércores coa representación e estrea de “Gran Circo Randulfini” buscarán interactuar co público, engadindo que entre os doce actores hai tres novas incorporacións, entre eles Alberto Sánchez, presente tamén hoxe.  O grupo San Fins de Rebordáns estreará o xoves “O Indiano” nunha montaxe con 16 actores que segundo Susana Barro e Yonatan Soliño está protagonizada por un home supostamente rico que chega das Américas. O venres será a quenda do grupo Atalaia do Centro Sociomunitario de Tui que unha década despois volver representar “A Lotería” tal e coma precisou Carmen Álvarez ‘Melo’. A semana pecharase o sábado coa estrea de “A herdanza de Dona Urraca” co grupo de teatro Mesturanzas de Areas, trátase dunha obra escrita pola directora do grupo, Mónica Vilar, coma apuntaron Ubaldo Estévez e Tomás Alonso, membros do grupo.
As representación de luns a venres serán ás 21.15h e o sábado ás 20.15h. As entradas terán un prezo de 1,5€ e poranse á venda media hora antes do comezo da función.