quinta-feira, 13 de abril de 2017

O Concello de Tui construirá unha rotonda en Guillarei na intersección entre a A55 e a N550

 O Concello de Tui destinará preto de 700 mil euros do remanente de tesourería á execución de cinco proxectos aos que onte deu o visto bo o pleno municipal. A corporación aprobou con ampla maioría – 16 dos 17 concelleiros que a integran, abstívose José Manuel Sousa de APTUI – habilitar o crédito preciso, paso previo a iniciar a súa tramitación.  
O principal investimento previsto será de 274 mil euros para a construción dunha rotonda en Guillarei no cruzamento entre a N550, a A55, e as estradas que van cara aos barrios de Albelos e A Gándara. Segundo o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, esta á unha das obras máis prioritarias en materia de seguridade viaria que ten nestes momentos o concello de Tui, que xa viña contemplada no PXOM, dado o importante tráfico que soporta e tendo en conta que neste punto xa se rexistraron varios accidentes. No importe aprobado inclúense tamén as indemnizacións aos propietarios dos terreos que será preciso ocupar. Agora unha vez se conta co crédito necesario porase en marcha a tramitación administrativa.
O segundo dos proxectos aprobados, por importe superior aos 191.600€, ten por obxectivo a reconstrución dun muro existente nos Xardíns de Troncoso, que é urxente acometer dado o mal estado que presenta na actualidade.
Por outra parte destinaranse 117.800€ do remanente para aportar o 20% que corresponde ao Concello do proxecto de humanización da estrada provincial a Caldelas que executará a Deputación de Pontevedra. Mellorarase a seguridade vial executando unhas vías peonís, instalando bandas redutoras de velocidade, e elementos de sinalización vertical e horizontal.
A execución dunha pasarela peonil sobre o río Louro, a través dun convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil no que o concello ten que aportar o 50% do investimento, é outro dos proxectos para os que se aprobou crédito por importe de 79 mil euros.
Por último aprobouse a adquisición dunha máquina para o pintado da sinalización vial por importe de 30 mil euros.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que onte no pleno felicitaba ao conxunto da corporación por chegar a este acordo, avanzou a vontade de seguir traballando entre todos para sacar adiante novos proxectos, necesarios para o municipio, con cargo ao remanente de tesourería. 

Sem comentários:

Enviar um comentário