A redacción do proxecto para a rehabilitación do Teatro Principal e da adecuación do edificio de Cam Fran para Servizos Sociais son parte das actuacións previstas
A redacción dun proxecto para a rehabilitación do Teatro Principal e outro para a adecuación do edificio de Cam-Fran na Avenida da Concordia para convertelo na sede nos Servizos Sociais Municipais e dun Centro de Día, son dúas das actuacións para as que se vén de habilitar crédito no Concello de Tui. O mércores en pleno aprobáronse sendos expedientes de modificación de créditos, con cargo ao remanente líquido de tesourería, para poder acometer de xeito inmediato tanto a redacción de proxectos coma a execución de obras cun importe que suma 216.466,04 €. Os puntos foron aprobados con dez votos a favor, do PSOE, En Marea e Converxencia 21, e a abstención de PP, BNG e Ciudadanos.
En concreto destinaranse 18.150 € para a redacción do proxecto de rehabilitación do Teatro Principal, e 17.908 € para o de adecuación do edificio para Servizos Sociais. Outros proxectos que van a ser redactados serán o da humanización da travesía de San Domingo (11.470,80 €) e o soterramento das instalacións e servizos tanto nas travesías de San Domingos coma San Francisco (11.640,20€).
A realización dun estudo de tráfico no núcleo urbano, que permita toman decisións con todos os datos sobre sentidos de circulación, peonalización e humanización de vías contará un investimento de 18.089,50 €. En materia de tráfico figura tamén, cun importe de 29.175,65 €, o repintado da sinalización vial no termo municipal. Por outra parte destinaranse 11.374 € á realización dun levantamento topográfico de parcela e edificacións, infografía da proposta e redacción do proxecto básico e de execución para a ampliación do Centro Cultural As Laxes de Paramos. Amais 14.928,98 € terán por obxectivo a colocación e subministro de tarima tecnolóxica reforzada e a limpeza e tratamento da existente no Paseo Fluvial.
Outras actuacións previstas para as que se habilitou o crédito son a revisión e actualización da numeración municipal (18.150 €), a reparación de beirarrúas na estrada autonómica en Caldelas (10.890 €), a reforma do alumeado público nas parroquias coa substitución das actuais luminarias por led (15.972 €), a construción de 12 metros de sumidoiros en distintos puntos (653,40 €), a poda de árbores no termo municipal (12.971 €), e a corta de árbores secas que supoñen un perigo no recinto de festas de Paramos (1.113,20 €)
Con cargo ao remanente de tesourería financiarase tamén o Servizo de Asistencia Técnica para a xestión de fondos europeos na Eurocidade Tui-Valença (7.145,05), a cota extraordinaria de acceso á Red de Juderías de España (9.000€), e a cota da anualidade da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural (2.389,26€).
Sem comentários:
Enviar um comentário