A Biblioteca Pública Municipal de Tui súmase ás celebracións que en toda España desenvolvense en torno ao “Día da Biblioteca” que se conmemorá mañá 24 de outubro con diversas actividades, dirixidas especialmente aos cativos.
En concreto as actividades programadas son as seguintes:
- Venres 24 de outubro, ás 17,30 h proxección dunha película infantil vencellada a unha obra literaria
- Sábado 25 de outubro, ás 12,00 h., actuación de Migallas Teatro coa súa obra “Cantacontos”. En "Cantacontos" os contos tradicionais ou de creación propia son arrequentados con cancións, música ou sons que contribúen a espertar emocións nos nenos e nenas. Todos os contos tratan cuestións próximas ós/ás nenos/as e convídanos a participar no seu desenlace. As cancións complementan os seus contidos.
Para o responsable da Concellería de Cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, a Biblioteca Municipal con estas novas actividades continúa a ofrecer unha intensa dinámica de achegamento aos diversos sectores sociais (especialmente aos nenos e nenas) cunha oferta diversificada: actividades, club de lectura, exposicións, etc.
Tamén está previsto que ao longo da semana fique operativa a Opac da Biblioteca tudense. Opac son as siglas inglesas de Online Public Access Catalog ou Catálogo automatizado de acceso público aos fondos da biblioteca. Xa é posible consultar o catálogo a través de internet (http://www.opacmeiga.rbgalicia.org/Biblioteca.aspx?CodigoBiblioteca=PBM067), e nos vineiros días a través dunha terminal na propia biblioteca. Con esta mellora se superan os catálogos tradicionais de fichas en papel e a Biblioteca tudense está aberta ao acceso e consulta dos seus fondos dende calquera terminal de ordenador.
Cabe lembrar que na Biblioteca Municipal tudense existe un servizo de acceso (libre e gratutito) ás novas tecnoloxias, por medio de cinco ordenadores fixos e por un sistema wifi. Deste xeito a Biblioteca garante o acceso ás novas canles de información e comunicación dos cidadáns de Tui.
A celebración do “Día da Biblioteca” naceu no ano 1997 para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores coa cultura e como un instrumento de mellora da formación e da convivencia humana. Neste ano a mensaxe conmemorativa deste “Día da Biblioteca” está realizada polo escritor galego Agustín Fernández Paz co título “Onde hai unha biblioteca hai unha luz” onde afirma entre outras cousas: “Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca”.
Sem comentários:
Enviar um comentário