terça-feira, 12 de setembro de 2017

A Oficina de Rehabilitación do Concello ultima a memoria das actuacións a realizar ao abeiro da prórroga do Plan Estatal 2013/2016

A Oficina de Rehabilitación do Concello de Tui traballa estes días na redacción da memoria xustificativa da achega de 71.778€ que lle foi concedida a Concello de Tui dentro da prórroga do Plan Estatal 2013-2016 para Áreas de Rehabilitación Integral.
Este investimento terá por obxectivo a realización da obras de conservación, habitabilidade e accesibilidade en inmobles destinados a vivendas situados no conxunto histórico, San Domingos e San Bartolomeu  que deberán estar concluídas antes de decembro de 2018.
Tras ser aprobada a participación do Concello de Tui nesta prórroga do Plan Estatal antes de final de mes será enviada a memoria na que figurarán as intervencións a realizar, sempre en vivendas de particulares, o número e a contía das mesmas, segundo explica a concelleira de Patrimonio, Carmen Núñez.
Para elaborar este documento dende a oficina da ARI puxéronse en contacto con aqueles particulares que están a realizar obras nos ámbitos da Área de Rehabilitación Integral, e a comezos de agosto comezouse a elaborar unha listaxe de propietarios interesados nestas achegas.
A concelleira de Patrimonio, Carmen Núñez, convida aos veciños que vivan no conxunto histórico, San Bartolomeu e San Domingos, que teñan planificado realizar algunha obra, a achegarse os xoves de 9 a 14h ata a Oficina de Rehabilitación para informarse sobre as axudas ás que poden acceder e a tramitación que deben realizar.  No caso de non poder asistir os xoves poden deixar os seus datos no departamento de Urbanismo e posteriormente a técnica da oficina da ARI contactará con eles. 

Sem comentários:

Enviar um comentário