segunda-feira, 18 de junho de 2018

O alcalde de Tui convida ao presidente do goberno a visitar Tui para coñecer de primeira man as consecuencias da explosión do 23 de maio

O rexedor apunta, na carta remitida, “a necesidade dun forte compromiso económico e de colaboración por parte do goberno central”
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, vén de convidar ao presidente do goberno, Pedro Sánchez, a que visite Tui “coa maior brevidade que sexa posible” para coñecer de primeira man a situación que se vive no municipio tras a explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico rexistrada o pasado 23 de maio no barrio da Torre, en Paramos.  Deste xeito, indica o rexedor, o presidente poderá “avaliar a absoluta necesidade que temos dun forte compromiso económico e de colaboración por parte do goberno central”.
No escrito Carlos Vázquez Padín lembra que coma consecuencia da explosión faleceron dúas persoas, houbo unha trintena de feridos, e gran numero de vivendas, propiedades e vehículos resultaron afectados.  Unha catástrofe de tal magnitude, sinala que “máis de 700 persoas se viron prexudicadas gravemente” e que afectou tamén ás infraestruturas como camiños, instalacións de canalizacións de auga potable, saneamento, tendidos eléctricos, telefónicos.
Ante esta situación o alcalde lembra que a corporación municipal, con acordo plenario unánime do 31 de maio, solicitou a declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil por considerar que “concorre no territorio afectado pola explosión un estado de necesidade sobrevido a esta comunidade de persoas, inevitable e imprevisible, que alterou afectiva e substancialmente as condicións de vida desta colectividade, producindo danos de considerable gravidade a unha pluralidade de veciños”.

Sem comentários:

Enviar um comentário