ORGANÍZASE UN NOVO PERCORRIDO ANTE O ÉXITO REXISTRADO NO REALIZADO ONTE Á TARDE CUN CENTENAR DE PARTICIPANTES
O próximo martes, 20 de agosto, realizarase unha nova visita guiada gratuíta á ruta dos “Pasos da Auga” na parroquia de Ribadelouro, guiada polo alumnado do Obradoiro de Emprego Percorre Tui. Organízase esta nova visita tras o éxito rexistrado onte á tarde na visita levada a cabo cun centenar de participantes.
O próximo martes a visita celebrarase pola mañá. Sairá ás 10.30 h do Centro Cultural de Ribadelouro. Esta ruta dos “Pasos da Auga” é unha das dúas deseñadas polo Obradoiro Percorre Tui para pór en valor o patrimonio natural e cultural do municipio e que en parte transcorren polo Camiño de Santiago.
Para participar nesta visita gratuíta é preciso inscribirse antes do próximo luns, 19 de agosto, ás 13 h, no teléfono 986 60 38 58 ou no correo obradoiropercorretui@gmail.com.
Lembramos que se trata dun percorrido circular pola parroquia de Ribadelouro que toma o seu nome das construción tradicionais de pedra que cruzan ríos e regatos. No traxecto da rota pásase por lugares coma a ponte de Orbenlle, o lavadoiro e a fonte da Matanza, polas ruínas do muíño de Vides, o paso de Betate que no inverno permite sortear o regato Folón nas crecidas, a mina de Roque construída para o regadío, e que durante a guerra se empregou coma pasadizo. Outro dos puntos por onde pasa a rota é a igrexa parroquial de Santa Columba do século XVIII, de onde parte o vía Crucis, formado por un conxunto de 10 cruces, que remata no Calvario da Magdalena. Tamén parte da ruta transcorre polo un tramo do Camiño Portugués a Santiago e forma parte do LIC Gándaras de Budiño e da Rede Natura 2000.
CONTINUA ABERTA A INSCRICIÓN PARA A RUTA “PORTA DO RÍO TRIPES” DO XOVES 22
Por outra parte continua aberta a inscrición para a visita guiada á ruta Porta do río Tripes que se vai realizar o xoves, 22 de Agosto, ás 17.45 h partindo da praza de San Fernando. Este roteiro ten por obxectivo unir o centro histórico da cidade co Parque Natural de Monte Aloia. Parte da praza de San Fernando para realizar un percorrido circular de 11 quilómetros. No mesmo percórrese parte da ruta xudía e o conxunto histórico, chega ata a ruta do muíños do río Tripes, formada por 22 muíños, sobe ata o Alto do Coello en Randufe, achégase á vella Ponte Internacional, punto de entrada dos peregrinos dende Portugal a Galicia, e polo Arrabal de Freanxo regresa ata a Catedral.
Neste caso a inscrición está aberta até o mércores 21, ás 12 h, no teléfono 986 60 38 58 ou no correo obradoiropercorretui@gmail.com.
Sem comentários:
Enviar um comentário