quarta-feira, 25 de setembro de 2019

As novas oportunidades do turismo coma xerador de emprego serán analizadas nunha xornada en Tui

CELÉBRARASE O VENRES 27 CO GALLO DO DÍA MUNDIAL DO TURISMO. É PRECISO INSCRICIÓN PREVIA
“Turismo e emprego: un futuro mellor para todos” é título da xornada que se vai celebrar o próximo venres, 27 de setembro, en Tui coa que o Concello se suma á conmemoración do Día Mundial do Turismo.  Terá lugar ao longo da mañá na Aula da UNED, no antigo convento de San Domingos, e pola tarde está prevista unha visita guiada.
Esta xornada foi presentada esta mañá na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Emprego e Formación, Ana Mª Núñez, e o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, na súa intervención salientou a importancia que ten o turismo no desenvolvemento da economía local. Apuntou coma esta xornada permitirá coñecer de forma máis detallada a “importancia deste sector estratéxico para o concello de Tui, que novas ideas se poden pór en marcha para cara desenvolver o potencial da cidade”. Nese senso facía un chamamento público á participación da poboación, ao tempo que reafirmou o compromiso do goberno municipal para “seguir traballando en dous piares fundamentais e indivisibles coma son levar adiante a creación e posta en marcha de mecanismos que favorezan a empregabilidade dos veciños e veciñas de Tui, e que eses mecanismos sirvan para difundir e pór en valor os recursos que ten o Concello de Tui, neste caso no turismo”.
A concelleira de Emprego, Ana Mª Núñez, explicou que “o turismo é unha das actividades económicas que máis creceu nas últimas décadas e representa un dos piares da economía galega representando o 11,% do emprego e o 11% do PIB”. Engadiu que “Tui un lugar idóneo para a creación de emprego turístico” dada a súa historia, o seu patrimonio, o seu rural, a súa gastronomía e recursos turísticos. Tamén avanzou que no transcurso desta xornada o próximo venres será presentada a nova web municipal de turismo que foi elaborada polo alumnado do obradoiro de emprego “Percorre Tui”.
O concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, indicou que “o turismo ten que ser unha fonte esencial de emprego na cidade”. Explicaba o edil que “Tui ten que apoiar todas as iniciativas que teñan que ver co desenvolvemento turístico da cidade e da Eurocidade”. Ao tempo Laureano Alonso destacou que os resultados tanto de peregrinos coma de turismo tradicional están a ser magníficos, polo que todas as iniciativas que sirvan para “defender, apoiar, dinamizar o turismo e o comercio van ser necesarias”.  
Tras o acto de inauguración previsto para ás 9.30 h celebrarase a primeira ponencia co título “O turismo como estratexia de futuro en Tui” a cargo da consultora “Valora  consultores” encargada de realizar o Plan estratéxico de Tui para os anos 2019-2022.
Ás 10.30 h o alumando do Obradoiro Percorre Tui presenta a nova páxina web de turismo de Tui.
Ás 11.30 h celebrarase unha mesa redonda titulada “Turismo e emprego: un futuro mellor” que reunirá a representantes de administracións publicas,  profesionais e entidades representativas do ámbito turístico. Na mesma abordaranse novas oportunidades para o fomento turístico pondo en valor o entorno rural como oportunidade de emprendemento. Tamén se tratarán os novos perfís profesionais que demanda o sector derivados da implantación das novas tecnoloxías.
Pór último Sandra Touza da consultora “Ponle cara al turismo” que analizara a Sustentabilidade do turismo como clave de desenvolvemento no sector.
Xa pola tarde coma peche desta xornada haberá unha visita guiada polo Tui xudeu a cargo do historiador tudense Suso Vila. A participación será de balde sen inscrición previa. Partirá ás 20 h da Oficina de Turismo.
A participación nesta xornada é gratuíta pero é preciso inscrición previa xa que as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden inscribirse presencialmente na Oficina Municipal de Turismo na praza da Inmaculada, no correo turismo@tui.gal, ou no teléfono 677 41 84 05.
Programa xornada “Turismo e emprego: un futuro mellor para todos”
Venres, 27 de setembro, na aula da UNED, no antigo convento de San Domingos.
Ás  9.30 h Inauguración
Ás 10.00 h “O turismo como estratexia de futuro en Tui”
Ás 10.30 h Presentación da nova web de turismo realizada polo obradoiro de emprego Percorre Tui
Ás 11.30 h Mesa redonda “Turismo e emprego: un futuro mellor”
Ás 12.45 h Ponencia “Novas oportunidades turísticas para o emprego”
Ás 13.30 h Clausura
Ás 20.00 h Visita guiada ao Tui xudeu. Saída da Oficina de Turismo na praza de San Fernando.

Sem comentários:

Enviar um comentário