O OBXECTIVO É ACHEGAR A REALIDADE DO MERCADO LABORAL AS PERSOAS QUE ESTÁN BUSCANDO EMPREGO
O Concello de Tui organiza o próximo martes, 17 de setembro, un Foro de Emprego que baixo a denominación de EMPREGA Tui. Celebrarase na aula da UNED de Tui, no antigo convento de San Domingos, na rúa Antero Rubín, en horario de 8:45 a 14 h.
EMPREGA Tui ten como obxectivo achegar a realidade do mercado laboral a todas aquelas persoas que se atopan en busca de emprego e que queiran coñecer da man de expertos en selección o seu grao de empregabilidade, atendendo aos perfís profesionais e habilidades persoais que estes requiren na selección de persoal de cada empresa. Identificaranse os postos de traballo máis demandados no mercado laboral e desvelásense os aspectos clave mellor valorados nos procesos de selección. Todo iso de xeito vivencial e a través de casos prácticos e exemplos reais da contorna laboral.
Emprega Tui está organizado polo Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui, en colaboración con distintas entidades e empresas, entre elas o Eures Transfronteirizo.
EMPREGA TUI contará coa presenza de varias empresas líderes no seu sector que permitirán achegar a realidade laboral aos asistentes que terán a oportunidade de coñecer qué tipos de perfis son os que están a demandar e as esixencias claves para a súa cobertura. As empresas participantes son: Quick Up, Adecco, Utingal, Alonarti, Star servicios e Grupo Marsan que presentarán nunha breve exposición a súa filosofía corporativa e como son os procesos de selección, co fin de proporcionar información útil ás persoas demandantes de emprego. Tamén exporán as necesidades e requisitos das empresas á hora de realizar unha contratación e facilitarlle ás persoas desempregadas claves que as axuden a superar con éxito os procesos de selección.
O número de prazas para participar neste Foro de Emprego é limitado e as prazas cubriranse por rigoroso orde de solicitude. As persoas interesadas poden inscrbirse no correo p.i.emprego@tui.gal o nos teléfonos 664 552 493, 629 706 436 e 986 60 16 51 ou presencialmente no segundo andar do Centro Municipal de Formación municipal do Concello de Tui en Guillarei.
Coa realización deste foro o Concello de Tui quere demostrar o seu compromiso co emprego creando oportunidades para o encontro e facilitando a participación de todas as partes implicadas no mercado laboral, nun territorio situado estratexicamente e coa intención de dar resposta ás necesidades de recrutamento da área de influencia do Concello de Tui, o que permitirá reducir paulatinamente o número de persoas desempregadas no municipio.
Sem comentários:
Enviar um comentário