terça-feira, 5 de novembro de 2019

Un centenar de persoas desempregadas poderán participar no novo Programa Integrado de Emprego en Tui

VÉN DE SER CONCEDIDO AO CONCELLO DE TUI POLA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA,  EMPREGO E INDUSTRIA
Un centenar de persoas desempregadas de Tui poderán beneficiarse do Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia vén de conceder ao Concello de Tui.
Suporá un investimento de 287.356,32 euros dos que o Concello de Tui deberá aportar 37.356,32 euros.
O Programa Integrado de Emprego, terá unha duración de doce meses nos que as cen persoas participantes recibirán orientación laboral personalizada, formación en intelixencia emocional, habilidades sociolaborais, coaching…  Neste tempo está previsto impartir cursos de variada temática dende  informática básica e avanzada, ferramentas ofimáticas, conversación en lingua inglesa, actividades de comercio ou emprendemento turístico a limpeza de locais, manexo de carretillas elevadoras, prevención de riscos laborais, xestión de almacén ou liña de produción.  Tamén recibirán formación ocupacional orientada ao emprego, poderán realizar prácticas en empresas e contarán con servizo de intermediación laboral.
O obxectivo do Plan Integrado de Emprego é lograr a inserción laboral do 45% dos participantes. Para acadar esta cifra e de ser posible acadar un maior índice de inserción, dende o Concello estudaranse as necesidades de persoal e de perfís profesionais que teñen as empresas tudenses e dos polígonos da área de influencia, para con eses datos poder deseñar acción formativas para dar resposta a esa demanda, formando así aos participantes no Programa Integrado de Emprego nestas áreas máis demandas.
O Concello de Tui presentou a solicitude deste Programa Integrado de Emprego ao abeiro da Orde do 7 de xuño de 2019 da Consellería de Economía, Emprego e Industria.  O programa comeza de xeito inmediato coa selección do centenar de persoas participantes que se vai realizar até decembro. Por este motivo as persoas interesadas en participar neste Programa Integrado de Emprego poden ampliar a información e inscribirse no Centro Municipal de Formación en Guillarei, no 986 60 39 49, no 670 245 633, ou no correo cfo@tui.gal.
Este é o segundo Programa Integrado de Emprego do que se beneficia o Concello de Tui. Precisamente mañá mércores terá lugar a clausura do Programa Integrado de Emprego desenvolvido entre outubro de 2018 e 2019. 

Sem comentários:

Enviar um comentário