SOLO INDUSTRIAl
Ó outro lado do miño
O 95% das firmas instaladas no parque empresarial de Valença son galegas ·· O alcalde portugués di que recibe peticións da comunidade “todos os días”
Portugal conseguiu atraer cos seus cantos de serea de solo industrial barato a decenas de empresas galegas. José Luís Serra leva seis anos aplicando a súa profesión de economista ó día a día do municipio portugués de Valença do Minho. Coas ideas claras con respecto ós retos da súa localidade e convencido de que o transporte ferroviario será o "futuro" da loxística, Serra constata o interese de empresas de capital galego en instalarse na localidade fronteiriza. Aclara que "todos os días" contactan coa Cámara Municipal de Valença empresas de Galicia interesadas en instalarse no municipio luso. O rexedor portugués incide en que "o 95% das empresas" situadas no seu parque empresarial son galegas.
Recentemente, desde Galicia o deputado do PPdeG Diego Calvo denunciaba que dos 91 parques proxectados en Galicia "56 están atrasados e 21 acumulan atrasos", o que supón que "31,7 millóns de metros cadrados están paralizados ou atrasados". Só en Pontevedra, dos 12 millóns de metros cadrados previstos, "están atrasados máis de 10 millóns", segundo o PPdeG.
2.000 postos de traballo nos próximos 5 anos
Fronte a estes supostos paróns, o rexedor de Valença apuntou nunha entrevista a AGN que esta localidade xogará un papel protagonista na eurorrexión, e tras crear desde 2005 "máis de 1.000 postos de traballo no sector industrial, agora estamos preparados para crear outros 2.000 máis nun prazo de cinco anos". "O 95% das empresas situadas no noso Parque Empresarial son galegas. Falamos de firmas como Rodman Polyships ou Antolín. Este polígono de 90 hectáreas ten todo o seu chan vendido, a un prezo metro cadrado de 45 euros", sinala Serra. Mentres, en Galicia a falta de solo industrial provoca que o pouco que queda, encareza. Segundo a Confederación de Empresarios de Pontevedra o metro cadrado cotiza entre 300 e 500 euros segundo as zonas, un custo que consideran pouco viable. A innovación, principal tarefa pendente das nosas compañías
Galicia sitúase como a sétima comunidade española pola cola en actividade inventiva, é dicir, en canto ó número de solicitudes de patentes e modelos de utilidade presentados ante a Oficina Española de Patentes e Marcas, aínda que a súa actividade está experimentando un crecemento continuo desde hai varios anos. Segundo os últimos datos do informe deste organismo, correspondentes a 2006, desde Galicia presentáronse 248 solicitudes de invencións, que abarcan tanto as patentes como os modelos de utilidade -patentes de menor rango-. Esta cifra dá lugar a un cociente de 92 destes requirimentos por millón de habitantes, o sétimo resultado máis baixo do país, sen contar Ceuta e Melilla.
Fronte a Galicia, destacan territorios como Navarra, cun cociente de actividade inventiva de 304 solicitudes por cada millón de habitantes, Cataluña, con 241, Aragón, con 213 e Madrid, con 169 solicitudes. En situación oposta, entre os resultados máis baixos figura Andalucía, cunha proporción de 72 solicitudes por cada millón de habitantes, Canarias, con 68 e, en último lugar, Estremadura, con 49.
Con estas cifras, Galicia mantense por baixo da media española, cunha desviación sobre a media do -34,8%, e, ademais, o total de 248 solicitudes galegas presentadas en 2006 supón un pequeno descenso con respecto ó ano anterior (aumentou a actividade inventiva en patentes pero diminuíu en modelos de utilidade). Con todo, segundo se extrae dos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), desde 2002, cando Galicia tiña un cociente de 72,70 invencións por millón de habitantes, cada ano experimentouse un aumento.
O director xeral de I+D+I, Salustiano Mato, afirmou que Galicia "está en crecemento continuo, achegándose converxencia" xa que "cada vez faise moito máis e de xeito máis eficaz". En canto ós principais sectores nos que se desenvolven patentes, destacou o dos materiais e os procesos de fabricación, especialmente dentro da industria pesada. Así, destacou a automoción e naval como os "máis rendibles". No caso das Tecnoloxías da Información e Comunicación destacou que o hardware tamén dá resultados positivos.
O DATO
Máis axudas para a I+D+i
A Dirección Xeral de I+D+I convoca, desde 2005, unha liña de axudas ó fomento da propiedade industrial. Do total de 354 solicitudes presentadas en 2005, pasouse ás 740 do ano 2006.
OS DATOS LUSOS
Nova plataforma con parada do AVE
O municipio luso de Valença do Miño garda unha poderosa arma na recámara: a Plataforma Loxística de Valença do Minho, "o maior investimento xamais realizado no municipio", segundo Serra. Enmarcada no Programa Nacional de Loxística de Portugal, a Plataforma Loxística de Valença contará con 230 hectáreas e estará en marcha en 2010-2011. "Nace da iniciativa privada por medio dun consorcio e funcionará como interposto aduaneiro, coas súas consecuentes vantaxes fiscais", sinala Juan Luís Serra. Ata contaría con parada do futuro AVE luso-galaico.
Principal eixo de transporte
"Todos os días contactan connosco firmas galegas interesadas en instalarse aquí. Para min, a localización dunha empresa galega en Valença é á forza máis interesante que en Salvaterra, Tomiño ou A Guarda, porque por aquí pasan os eixos de transporte e de estrada e pasarán os de alta velocidade ferroviaria", afirma o rexedor luso. Deste xeito, ó seu entender, "a compañía galega que se instala aquí ou en Vilanova de Cerveira non ve isto como un investimento no estranxeiro".
Mellor relación entre veciños
O II Congreso Internacional de Novos Empresarios de Galicia (AJE) celebrarase en Vigo os próximos 14 e 15 de febreiro, e nel abordaranse temas como a competitividade, a internacionalización e incidirase nas relacións con Portugal. Así o avanzou AJE Galicia, que ademais destacou como principal novidade a incorporación de iniciativas co obxectivo de "desenvolver as relacións xa abertas con Portugal", polo que se celebrará unha mesa sobre cooperación transfronteiriza.
In AGN/REDACCIÓN . SANTIAGO
Sem comentários:
Enviar um comentário