A Concellería mantén o seu orzamento pese a crise co que reforza a súa aposta por unha programación estable e de calidade. O Teatro Municipal de Tui vai ser pioneiro en Galicia na venda de entradas por internet nunha web propia, ao ser o primeiro teatro público que pon en marcha este sistema de xeito directo. Este feito será unha realidade o próximo 16 de febreiro ao través da páxina www.culturatui.info, que de xeito progresivo irá incorporando información sobre os espectáculos culturais.
Tui mantén tamén a súa aposta económica pese aos tempos de crise, consciente da importancia de seguir pola liña marcada até o momento. Deste xeito a Concellería de Cultura vai investir algo máis de 90 mil na programación cultural a desenvolver até finais do mes de maio, na que ofertará dez espectáculos no Teatro Municipal, a celebración do Entroido e das Festas de San Telmo, as Feiras de Artesanía e do Libro, e a programación da Sala de Exposicións e da Biblioteca Municipal.
No que se refire a actividade do Teatro Municipal haberá oito representación teatrais, un concerto de música clásica, e unha obra de danza contemporánea. Compre salientar que de novo Tui volve contar coa presenza do Centro Dramático Galego, ao ser Espazo CDG, coa obra “As Dunas” que terá unha dobre función o 8 e 9 de maio. Lagarta, Lagarta presentará en Tui a dous actores galegos de primeiro nivel coma Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira “Pico” en Aeroplanos. Outra das compañía consagradas da escena galega coma Teatro do Atlántico achegará a Tui “Unha primavera para Aldara” que está colleitando unha excelente crítica. E hai tamén oco na programación para o teatro independente con Teatro Ensalle de Vigo e “La estrategia del avestruz”.
Tui non descoidará ao seu público máis fiel, os cativos, e volve apostar polo teatro infantil no que goza dunha media de 240 espectadores. A compañía Galitoon que fixo disfrutar aos nenos con Golulá volve agora cunha nova obra escrita con catro palabras, mentres que por vez primeira estará na cidade Berrobambán con “Boas Noites” na que haberá música en directo. Pero a primeira representación será este mesmo venres con Elefante Elegante e “Tristán cara de can”.
A parte musical da programación correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia nun concerto de luxo que chega a Tui grazas á Fundación Caixanova.
Pecha a programación do Teatro o Centro Coreográfico Galego, que tan bo sabor de boca deixou con Vacuo e o Kiosco das Almas Perdidas. Agora presentan o clásico “Giseliña” dirixido por Cisco Aznar.
Sem comentários:
Enviar um comentário