Na mañá de hoxe, martes 3 de agosto, foi presentado no antigo convento de San Domingos o albergue temporal de peregrinos realizado polo Concello de Tui ao abeiro do convenio asinado no seu día coa Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia. Participaron no acto o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha, xunto ao concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, e os edís Manuel Vázquez e Patricia Ricón.
O albergue temporal que promove o concello tudense conta con 74 prazas (24 en liteiras e 50 en colchonetas) e conta con 9 duchas (unha delas adaptada para discapacitados), aseos, zona de descanso, etc.
A instalación deste albergue levouse adiante ao abeiro de senllos convenios de colaboración asinados coa S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, por un importe respectivamente de 24.631 euros para a dotación de mobiliario e outro por un total de 60.000 euros para a adecuación dos espazos destinados de forma temporal a albergue de peregrinos.
A apertura deste albergue municipal evidencia a importancia que a cidade de Tui posúe nas rutas de peregrinación, pois logo dos tradicionais puntos do camiño francés (Sarria, Cebreiro ou Roncesvalles) é a nosa cidade o principal lugar de inicio do camiño por parte dos peregrinos. En días pasados foron acollidos na nosa localidade case 3000 peregrinos, procedentes de Andalucía, Cataluña e outros lugares de España e Portugal.
Con este albergue temporal xunto co Albergue oficial do Xacobeo na cidade de Tui existen un total de 110 prazas que garanten axeitadamente a acollida aos peregrinos que percorren o camiño portugués. Por outra banda, o concello segue fornecendo aloxamento para os grandes grupos nos pavillóns polideportivos da cidade.
A apertura deste albergue testemuña, nunha nova oportunidade, o importante compromiso asumido polo Concello de Tui na promoción e valorización do camiño de Santiago, entendido como un dos principais recursos culturais e turísticos da nosa cidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário