quarta-feira, 4 de agosto de 2010

TUI RECIBIU NOS PASADO XULLO MILLEIROS DE PEREGRINOS DOS CINCO CONTINENTES

De Tui saíron 3.049 peregrinos ( un 7,20% do total) O albergue tudense acolleu no mes de xullo a 657 peregrinos marcando un novo máximo. Nos pavillóns municipais foron acollidos cerca de 3.500 os peregrinos
A cidade de Tui vive con especial intensidade este Ano Santo Compostelá como o testemuñan os datos de acollida na nosa cidade de milleiros de peregrinos ao longo do pasado mes de xullo, superando todas as cifras ata agora acadadas en anteriores celebracións xacobeas.
Así o Albergue de peregrinos de Tui continua alcanzando importantes cifras de ocupación; no pasado mes de xullo foron un total de 657 os peregrinos que pernoctaron nas súas instalacións da Rúa Párroco Rodríguez Vázquez, ao carón da Catedral tudense.
A procedencia dos peregrinos é maioritariamente de orixe ibérica pero tamén foron acollidos peregrinos orixinarios de Alemaña, Irlanda, Francia, Austria, Bélxica, Holanda, Polonia, Reino Unido, Italia, Suecia, Eslovenia, Grecia, Guinea, Xapón, Turquía, Corea do Sur, Arabia, Australia, Nova Zelanda, Brasil, México, Estados Unidos e Cuba. De tal xeito, que neste pasado mes houbo peregrinos que chegaron a Tui dende todos os continentes, evidenciando o singular atractivo desta ruta de peregrinación ao seu paso pola nosa cidade. No caso de España as principais procedencias de orixe foron de Galicia, Madrid, Andalucía, Murcia e Valencia.
Mes a mes comprobamos como as cifras de ocupación do albergue de peregrinos tudense superan amplamente os datos de anos anteriores evidenciando a consolidación do camiño portugués, que conflue nas cidades de Valença e Tui como o principal itinerario escollido polos peregrinos polo seu carácter histórico fronte a outras iniciativas carentes deste legado. Son xa case 2500 os peregrinos acollidos ao longo do presente ano santo neste albergue tudense.
Pola súa parte, o Concello de Tui ten ofrecido acollida nos pavillóns polideportivos municipais ao numerosos grupos de peregrinos de diversa procedencia, especialmente da Península Ibérica, contabilizando case 3500 persoas ao longo do mes de xullo, salientando os multitudinarios grupos procedentes das dioceses de Andalucía acollidos os días 29 e 30 de xullo con máis de 1900 mozos.
Nos datos da Oficina de Atención aos Peregrinos da Arquidiocese de Santiago correspondentes ao mes de xullo comprobamos como Tui se consolida como terceiro lugar de saída de peregrinos con 3.049 peregrinos no mes de xullo, que representan o 7,20% do total de peregrinos (logo de Sarria e o Cebreiro no camiño francés). O Camiño portugués achega un 12,55% con 5.316 peregrinos do total dos peregrinos que chegaron a Compostela no pasado mes. Cómpre lembrar que estes datos corresponden unicamente aos que solicitan a “Compostela” e que nos mesmos non están recollidos os grandes grupos de mozos andaluces que non chegaron a Santiago neste mes de xullo, e que serán contabilizados en agosto.
En concordancia con estes datos están as máis de 2.000 credenciais subministradas pola Catedral de Tui ao longo do pasado mes aos peregrinos que comezan en Tui o seu itinerario.
Aínda que a maioría realizan o seu percorrido a pé, son numerosos os peregrinos que veñen en bicicleta e mesmo hai varios grupos que teñen realizado a súa peregrinación a cabalo. Cabe destacar que os peregrinos reciben con sorpresa e fascinación a beleza da cidade de Tui, descoñecida para moitos. Os visitantes destacan a beleza paisaxística e a riqueza patrimonial da cidade como clave do seu encanto.

Sem comentários:

Enviar um comentário