Editáronse 45 mil exemplares en castelán, galego, portugués e inglés
Baixo o lema “A historia en pedra” o Concello de Tui presentou hoxe un nova folleto turístico da cidade do que se editan 45 mil exemplares en catro idiomas: castelán, galego, portugués e inglés.
Trátase dunha publicación con gran peso gráfico en imaxes da cidade, con formato A3 despregable a toda cor. Nunha cara recolle información do que serían os tres buques insignia da cidade: A Catedral, o Monte Aloia, e o río Miño aos que se suma tamén o Camiño de Santiago pola importancia de Tui coma porta do Camiño Portugués.
Na outra cara recóllense os principais acontecementos históricos que marcaron a cidade de Tui, e tamén se reflicte o Tui na actualidade coa súa cultural e social. Préstase atención a monumentos emblemáticos coma a Capela de San Telmo, a da Misericordia, o Convento das Clarisas e o de Santo Domingo. Por último recóllese información sobre as murallas, o casco histórico, a presenza xudía na cidade e tamén a importancia da igrexa de San Bartolomé.
O folleto foi presentado esta mañá polo Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, xunto a Rafael Sánchez Bargiela e Gus Abreu, autores dos textos e do deseño desta publicación.
O Alcalde de Tui na súa intervención referiuse os tres elemento turísticos principais da cidade: o conxunto histórico coa Catedral, o río Miño e o Monte Aloia, que teñen un lugar destacado no deseño do novo folleto turístico. Un material que ofrecerá aos turistas, segundo dicía “moitas cousas que ver e sitios que visitar”. Agarda o rexedor tudense que este material sexa do agrado “dos que por aquí pasan” e considerou que é un acerto que estea publicado en catro idiomas.
O Concelleiro de Cultura referiuse en primeiro lugar aos excelentes datos turísticos que a cidade está a rexistrar este ano con case 7 mil consultas o pasado mes de xullo na oficina de turismo, con visitantes de 37 países, e cun incremento no número de pernoctacións que era a materia pendente que había. Salientou tamén a importancia de Tui coma Porta do Camiño Portugués e oportunidade de que o peregrino se transforme despois en turista indicando que “hai que lograr que as distintas administracións apoien o turismo” porque no seu parecer pode ser un motor da cidade.
Avanzou Moisés Rodríguez que en breve será presentado tamén un novo rueiro actualizado do casco urbano, e rematou felicitando a Rafael Sánchez Bargiela e a Gus Abreu polo seu traballo así coma a Miguel Alfaya pola coordinación do traballo.
Gus Abreu explicou sobre o deseño do folleto que buscou unha imaxe actual así coma potenciar o aspecto fotográfico. Mentres Rafael Sánchez Bargiela indicou que fixo unha síntese do anterior folleto con novas incorporación e precisión coma os Sambenitos do Museo Diocesano ou o apartado de Tui na actualidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário