Continuando co espírito inicial de Música no claustro e do seu mentor Don Ricardo García (1929-2017) abrimos a participación no Ciclo de novos intérpretes 2018 a todo o alumnado das escolas e conservatorios de grao medio e superior de Galicia, así como aos estudantes de orixe galega que realicen a súa formación en calquera cidade ou país fóra de Galicia.
A finalidade é mostrar aos públicos o traballo realizado durante todo o curso dende unha visión artística e de desfrute. Un concerto compartido o xoves 9 de agosto no claustro gótico da Catedral de Tui no que participarán un máximo de catro (4) solistas ou grupos.
A convocatoria está aberta a diversos estilos musicais (antiga, clásica, tradicional, jazz,...). Os estudantes enviarán a contacto@musicanoclaustro.com unha sinopse e/ou proposta de programa cunha duración máxima de 30 minutos, xunto aos seus datos persoais, unha biografía artística de máximo 300 palabras, unha fotografía, un vídeo e un texto de motivación.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o domingo 17 de xuño. A comunicación dos participantes seleccionados realizarase no prazo máximo dunha semana. A organización correrá cos gastos de desprazamento dos participantes a Tui ata un máximo de 150€ por solista/grupo.
Beca de apoio ao desenvolvemento musical e artístico "Don Ricardo García"
O festival Música no claustro seleccionará ao solista ou grupo que máis destaque entre os participantes no ciclo ofrecéndolle unha beca de apoio ao seu desenvolvemento musical e artístico. Esta beca consistirá na orientación e preparación profesional dunha proposta de concerto. Unha consultoría que completará a formación musical obtida nos conservatorios:
- Análise e creación do concepto da proposta musical.
- Desenvolvemento dos materiais promocionais (dossier, vídeo, etc...).
- Definición de públicos e axentes (festivais, teatros, etc...).
- Comunicación aos medios de prensa e xestión de entrevistas.
O traballo final será presentado na XIV edición de Música no claustro nun concerto completo remunerado.
in musicanoclaustro
Sem comentários:
Enviar um comentário