As librarías Espazo Lector Nobel e Iris ofrecerán un 10% de desconto
O Paseo da Corredoira acollerá o próximo xoves, 17 de maio, a XXI Feira do Libro Galego organizada polo Concello de Tui coa colaboración das librarías Espazo Lector Nobel e Iris .
A presentación deste evento tivo lugar esta mañá na casa do concello por parte do alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, e os representantes das librarías Iris, Pilar Fernández, e Espazo Lector Nobel, Javier Oliveira.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, congratulouse da continuidade desta feira e amosou o seu convencemento en que será un éxito nunha xornada para celebrar a lingua, a cultura e o libro. Salientou que “o libro ten moitísima importancia para construír sociedades máis libres, sociedades máis plurais, máis tolerantes” polo que “dende o concello imos seguir apostando polo libro, como un elemento fundamental para facer un Tui mellor”.
O concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, comezou cunha lembranza para Librería Valverde, que por vez primeira non participará na feira ao pechar as súas portas a finais do ano pasado. A continuación explicou o programa previsto que comezará coa inauguración da feira pola escritora tudense Conchi Regueiro, autora de “Tempos Agradables” pola que recibiu o III Premio de novela Mulleres Progresistas no 2001; “Un marciano neste mundo” co que foi finalista do I Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil en 2004, “A herdanza do Marqués”, “Dez arcos de vella”, “O tesouro das ánimas”, e “Un burato no aire”. Ao longo da xornada actuarán o grupo de pandereteiras As Dabadía de Caldelas, a Coral Ponte das Febres, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, o grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro e a Coral do Centro Sociocomunitario de Tui. Pero amais Saleta Fernández achegará o contacontos “Pan e chocolate”, haberá un obradoiro de marcapáxinas, circo de rúa con Pajarito e o espectáculo “A vida tola” e teatro de rúa con Ghazafelhos e a obra “O vendedor de fume”.
Coma novidade Eduardo Freiría destacou a presenza na feira dunha das tres bibliotecas móbiles realizadas polo curso de Montaxe de Mobles e elementos de carpintería impartido no Centro Municipal de Formación. Tamén estarán expostos os maios e paneis informativos sobre a figura de Mª Victoria Moreno realizados polos centros escolares e asociación culturais de Tui.
Pilar Fernández da librería Iris explicou que presentarán as últimas novidades editoriais, a obra e biografías da autora homenaxeada este ano, Mª Victoria Moreno, unha pequena mostra de libros portugueses e as obras do autores tudenses.
Javier Oliveira de Espazo Lector Nobel sinalou que levarán á feira 500 títulos de 30 editorias destacando a obra “A Nova Nursia” sobre Frai Rosendo Salvado e Aloianos de Alberto Romer.
Nos quince postos que haberá na feira as librarías tudenses Espazo Lector Nobel e Iris , que ofrecerán un 10% de desconto.
Programa previsto
De 11 a 13h emisión especial en directo da Radio Municipal de Tui
Ás 11.00 h Acto de apertura a cargo da escritora tudense Conchi Regueiro
Ás 11.10 h Actuación do grupo de pandereteiras As Dabadía de Caldelas
Ás 11.30 h Actuación da Coral Ponte das Febres
Ás 12.00 h Contacontos con Saleta Fernández con “Pan e chocolate”
Ás 13.00 h Actuación da Banda de Gaitas San Xoán de Paramos
De 16 a 19 h Obradoiro de Marcapáxinas. Inicio cun contacontos do libro falado e en lingua de signos do libro “A festa no faiado” de Mª Victoria Moreno
Ás 17.30 h Actuación do grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro
Ás 18.30 h Circo de rúa con Pajarito con “A vida tola”
Ás 19.30 h Teatro de rá con Ghazafelhos con “O vendedor de fume”
Ás 20.30 h Actuación da Coral do Centro Sociocomunitario de Tui
Sem comentários:
Enviar um comentário