A arquitecta Helena del Río salienta que a realización deste proxecto é “un soño feito realidade”
A arquitecta Helena del Río desprazouse hoxe dende Cantabria ata Tui para coñecer in situ as bibliotecas móbiles elaboradas polos alumnos do curso de “Montaxe de mobles e elementos de carpintería”, impartido no Municipal Centro de Formación, baseándose nos seus deseños.
Na casa do concello mantivo un encontro co alcalde, Carlos Vázquez Padín, coa concelleira de Formación e emprego, Mila González, e co monitor do curso Aitor Martínez. Alí explicoulles cómo xurdiu este proxecto por parte de Aldea del Talento, coa proposta realizada por Rosa Poo aos escolares para que deseñaran as súas bibliotecas. Posteriormente nunha charla no colexio de arquitectos a responsable de Aldea del Talento propuxo a este profesionais que elaborasen os planos das ideas propostas polos cativos. Helena del Río aceptou o reto, e durante mes e medio sacou tempo para confeccionar os planos. En Cantabria a realización das súas bibliotecas móbiles están na fase final, pero aínda non hai ningunha rematada, así que as de Tui son as primeiras que xa están listas. O monitor do curso Aitor Martínez coñeceu o deseño e contactou con Aldea del Talento, onde atopou todo facilidades e tras remitirlles os planos de Helena del Río púxose mans á obra cos alumnos do curso que se implicaron dende o primeiro momento neste proxecto.
Helena del Río sinalaba que ver o seu proxecto feito realidade por triplicado “foi marabilloso” valorando a implicación dos alumnos que “cumpriron as expectativas por todo o alto”. Concluía dicindo que “ten sido un soño feito realidade”.
Agora todos agardan que sexa o xoves 17 de maio xa que na XXI Feira do Libro Galego exporase unha destas bibliotecas no Paseo da Corredoira. Dende o Concello, a concelleira de Formación e Emprego, Mila González, avanza que o obxectivo é que durante o verán esta biblioteca móbil poida estar a disposición do público como espazo de lectura para os máis pequenos, pensando incluso nun lugar como punto de intercambio de libros. Precisamente dende Aldea del Talento enviarán a Tui unha caixa libros para estrear esta biblioteca. As outras dúas bibliotecas irán destinadas aos centros educativos tudenses, e en próximos cursos de formación agardan construír seis unidades máis para que os nove colexios tudense poidan contar cunha unidade.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez, agradeceu a Helena del Río a súa colaboración cedendo altruistamente os planos para realizar este proxecto, ao tempo que a felicitou polo deseño. Facía tamén o rexedor tudense un chamamento para o coidado da biblioteca que se situara na Corredoira, facendo fincapé en que “é de todos e todos debemos coidala”.
Sem comentários:
Enviar um comentário