Antes de finais de ano presentaranse novos proxectos por importe de 739.718€ para 2019 ao tratarse nesta convocatoria dun plan plurianual
A elaboración de cartografía Six, ortofotodixital, e rede topográfica do municipio é o proxecto de maior importe, 90 mil euros, solicitado polo Concello de Tui ao abeiro do Plan Concellos 2018-19 da Deputación. En concreto foron presentados trece proxectos de investimento por un importe total de 752.383,38 dentro da liña 1.
Contémplase así a mellora das pistas de tenis municipais en Areas, cun importe de 64.245,22€; unha área lúdico recreativa no CEIP de Rebordáns por importe de 42.442,18€; unha área recreativa na aula de Ponte Internacional do CRA Mestra Clara Torres nas Bornetas cun investimento de 31.495,86€; e a mellora dos vestiarios no pavillón polideportivo vello por importe de 59.817,58€.
Na solicitude figuran tamén 70.714,71€ para a demolición do edificio municipal na Avenida da Concordia; 63.120,32€ para a substitución da cuberta da nave de maquinaria do concello e 64.673,46€ para a construción dunha nave industrial para garaxe de camións nas instalacións municipais en Guillarei. Outras actuacións para as que se solicitou a achega provincial ao abeiro do Plan Concellos son a separación das augas pluviais e reparación de beirarrúas nas estrada cara Baiona por 78.602,96, e a mellora da pavimentación no acceso ao núcleo da Malladoura por 49.476,88€.
Ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos solicítanse tamén 48.395,04 para a reparación e/ou reposición da carpintería exterior da casa do concello, e 51.707,31€ destinados ao cambio da base da escultura ecuestre de Juan Oliveira na Glorieta de Vigo.
Por último inclúese o proxecto de Re-Activación Patrimonial Rec-Tui valorado en 37.691,86€, cuxo obxectivo é aproximar o patrimonio de Tui á poboación residente, así como aos visitantes para que se debuxará unha cartografía histórica xeorreferenciada, se organizará un proceso educativo de catalogación colaborativa, e se elaborará un informe de resultados do proceso e liñas estratéxicas, entre outros.
Por outra parte ao abeiro da liña 2 para o financiamento de actos culturais foi solicitada unha achega de 44.577,61€ para a celebración do Pacto de Tui.
Mentres na liña 3 de emprego para a conservación e mantemento de bens e servizos municipais o importe concedido é de 232.957,83€. Para a contratación de 20 traballadores, en concreto 7 peóns de horticultura - xardinería, 2 oficiais de segunda albaneis, 1 oficial de segunda carpinteiro, 1 oficial condutor de camión, 1 oficial de segunda soldador de estruturas metálicas lixeiras, 4 animadores turísticos, 2 auxiliares administrativos de biblioteca e 2 auxiliares administrativos de servizos xerais. En total tense solicitado ao abeiro da liña 1, 2 e 3, un total de 1.029.918,83€.
Este ano o Plan Concellos convocado pola Deputación de Pontevedra ten carácter bianual 2018/2019, polo que do 1 de novembro ao 31 de decembro o Concello solicitará proxectos para os 739.718,33€ concedidos tamén ao abeiro deste plan para 2019. En total o importe concedido suma 1.769.637,16€. En concreto o Concello de Tui percibirá unha achega da Deputación de Pontevedra do Plan Concellos 2018/19 un 76,35% maior á concedida en 2017.
Sem comentários:
Enviar um comentário