Foi unha das decisións tomadas no Gabinete de Crise xunto á convocatoria da Xunta Local de Seguridade
O próximo venres, 8 de xuño, ás 9h vaise celebrar unha reunión de coordinación formada por técnicos do Concello de Tui, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia, para establecer a liña a seguir para acometer o desentullo da zona afectada pola explosión do pasado 23 de maio no barrio da Torre en Paramos. Tratarase dunha reunión de carácter técnico con apoio político na que se abordará dende o tratamento dos entullos, algúns contaminantes coma a uralita, e o plan de traballo a seguir, ao tempo que na mesma se buscará cuantificar o importe dos traballos precisos a realizar, fixando así unha folla de ruta clara.
Este foi un dos acordos tomados esta mañá no Gabinete de Crise reunido durante algo máis de dúas horas no Centro de Afectados con presenza do Concello, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e goberno central, así coma da Plataforma de Afectados de Paramos. O alcalde, Carlos Vázquez Padín, presidiu a xuntanza na que estiveron presentes todos os grupos políticos da corporación municipal, os deputado Carlos López Font e Santos Héctor, por parte da Xunta o delegado territorial José Manuel Cores Tourís, e o responsable territorial de vivenda, José Luís Diez, o deputado autonómico, Moisés Rodríguez, e a subdelegada do goberno en funcións, Ana Ortiz, xunto a distintos técnicos.
Na reunión desta mañá tamén se acordou a convocatoria dunha xunta de seguridade extraordinaria.
Por outra parte todas as familias afectadas pola explosión que foron realoxadas nun establecemento hostaleiro teñen xa asignada unha vivenda á que trasladarse, algunhas delas xa ocuparon ao longo desta semana a nova casa, e as restantes están en proceso ou a piques de trasladarse.
Sem comentários:
Enviar um comentário