NOS PRÓXIMOS DÍAS ESTAQUILLARASE O TRAMO ENTRE AS DÚAS PONTES INTERNACIONAIS, PREVIA A UNHA REUNIÓN COS PROPIETARIOS
Avanzar no proxecto da senda do Miño entre Tui e Tomiño foi o obxectivo da reunión que o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, mantivo esta semana en Pontevedra co xefe provincial de Costas, Enrique Fernández, e cun representante da Consellería de Medio Ambiente.
Sobre a mesa estivo a viabilidade do proxecto e o financiamento preciso para poder executar esta actuación. A senda terá unha lonxitude de 16 quilómetros, e suporá un investimento de 1,6 millóns de euros.
Dende o Concello de Tui procederán nos próximos días ao estaquillado da zona que vai dende a vella Ponte Internacional até a nova Ponte Internacional. Posteriormente convocarán aos propietarios afectados a unha reunión para estudar a cesión destes terreos.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, cualifica o proxecto das sendas do Miño de “estratéxico” para pór en valor en valor o noso medio natural, polo que demandan a implicación tanto da administración central coma da autonómica para a súa execución. Precisaba que se trata dunha actuación transversal que afecta a varios concellos.
O obxectivo é que toda a beira do Miño no termo municipal de Tui conte cunha senda que vai dende o límite con Tomiño até Salvaterra. En 2016 executouse unha primeira actuación entre a rúa Olímpicos Tudenses e a vella Ponte Internacional cunha senda de 286 metros cadrados.
Amais do proxecto cara Tomiño está tamén pendente a senda cara Salvaterra. Sobre este último treito o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lembra o compromiso de financiamento por parte da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, que nos últimos días nunha acción xunto a Costas está a estaquillar a zona para facer unha nova delimitación da zona marítimo terrestre.
Sem comentários:
Enviar um comentário